Segunda cita co ciclo Ponteatro e, como hai quince días, o éxito de público foi indiscutible. O patio de butacas do Teatro Principal encheuse de pontevedreses ansiosos por gozar da obra de teatro Palabras malditas, o novo espectáculo da compañía galega Teatro do Noroeste.
Palabras malditas é un espectáculo teatral sobre a amizade ou, quizais, sobre o amor máis aló das circunstancias, das persoais e das conxunturais, máis aló da propia natureza ou do momento histórico que toque vivir.
Na escura España da posguerra, dous seres marxinados esfórzanse por atopar a felicidade. Un expulsado e perseguido profesor experto en poesía francesa e unha prostituta coinciden nunha sórdida pensión da Coruña, nos anos corenta, en plena época de represión e asasinatos.
A pesar das aparentes diferenzas que os separan, aférranse o un ao outro como á única táboa de salvación no inmenso océano da soidade. E entre os dous formarán un tándem pletórico de inspiración e creatividade, xerando as voces poéticas máis excelsas das seguintes dúas décadas.
A obra, que atrapou aos espectadores pontevedreses, está protagonizada por Sara Casasnovas, Miquel Insua, Luma Gómez e Imma Antonio.
A seguinte cita co ciclo Ponteatro será coa obra Foucellas de Talía Teatro o próximo 3 de novembro.