Pontevedra trasládase á España da posguerra coa obra "Palabras malditas"

Pontevedra
21 de outubro 2016

Segunda cita co ciclo Ponteatro e, como hai quince días, o éxito de público foi indiscutible. O patio de butacas do Teatro Principal encheuse de pontevedreses ansiosos por gozar da obra de teatro Palabras malditas, o novo espectáculo da compañía galega Teatro do Noroeste

Representación da obra "Palabras malditas" de Teatro do Noroeste no Principal Diego Torrado

Segunda cita co ciclo Ponteatro e, como hai quince días, o éxito de público foi indiscutible. O patio de butacas do Teatro Principal encheuse de pontevedreses ansiosos por gozar da obra de teatro Palabras malditas, o novo espectáculo da compañía galega Teatro do Noroeste.

Palabras malditas é un espectáculo teatral sobre a amizade ou, quizais, sobre o amor máis aló das circunstancias, das persoais e das conxunturais, máis aló da propia natureza ou do momento histórico que toque vivir.

Na escura España da posguerra, dous seres marxinados esfórzanse por atopar a felicidade. Un expulsado e perseguido profesor experto en poesía francesa e unha prostituta coinciden nunha sórdida pensión da Coruña, nos anos corenta, en plena época de represión e asasinatos.

A pesar das aparentes diferenzas que os separan, aférranse o un ao outro como á única táboa de salvación no inmenso océano da soidade. E entre os dous formarán un tándem pletórico de inspiración e creatividade, xerando as voces poéticas máis excelsas das seguintes dúas décadas.

A obra, que atrapou aos espectadores pontevedreses, está protagonizada por Sara Casasnovas, Miquel Insua, Luma Gómez e Imma Antonio.

A seguinte cita co ciclo Ponteatro será coa obra Foucellas de Talía Teatro o próximo 3 de novembro.