PODCAST. A pontevedresa Lucía Viéitez debuta como autora de poesía con 'Problemas en el paraíso'

Pontevedra
06 de xuño 2025

Licenciada en Filoloxía Hispánica e profesora de Lingua Castelá e Literatura no ensino público, participa este sábado 7 de xuño na Feira do Libro de Madrid

A pontevedresa Lucía Viéitez publica 'Problemas en el paraíso'
A pontevedresa Lucía Viéitez publica 'Problemas en el paraíso' / PontevedraViva

Lucía Viéitez Touriño venceu no verán de 2024 o "pudor de mostrarche cando fas algo creativo". É dicir, tomar a decisión de publicar un libro coa poesía que escribe. Algo que fai desde que era nena.

'Problemas en el paraíso' (edicións Valparaíso) é o resultado. Unicamente enviou o seu traballo a esta editora e a resposta foi afirmativa. Este próximo sábado 7 de xuño participará na Feira do Libro de Madrid de 19 a 21 horas na caseta 185.

Lucía Viéitez é pontevedresa, licenciada en Filoloxía Hispánica e profesora de Lingua Castelá e Literatura no ensino público. Ten tomado o pulso aos máis novos e á propia docencia fronte a este xénero literario como se evidencia falando con ela no podcast 'Cara a cara'.

Volvendo ao seu debut editorial. Fixámonos na súa portada. Unha fotografía: "eu tiña claro onde tiña que ser, na leira dun dos meus mellores amigos porque me lembra á miña adolescencia. Ten un encanto especial. Esta é unha das últimas fotografías que se tomou daquel lugar".

A imaxe do fotógrafo Thomas Harris é unha piscina, sen auga, absorbida practicamente pola maleza e un discreto feixe de luz, "é a última luz da tarde que entraba pola esquina superior, non é un erro, estaba buscado". Unha piscina que evoca verán, vacacións, encontros, momentos felices... e esa vexetación invasora, 'Problemas en el paraíso'.

Pasamos ao título. "No paraíso podemos vivir. Somos privilexiados e podemos falar de cousas que suceden no paraíso. Pero logo hai pequenas cousas que xorden, que podemos entender que son problemas. A idea é que busquemos a beleza nesas pequenas cousas que nos suceden", explica Lucía.

Continuamos co contido, coa forma da súa poesía. Libre en versos e estrofas. Desde unha ou dúas 'Casualidades' dun único verso, aos trinta e nove, por exemplo, de 'Falareiche con sinxeleza'. "Teño escrito con métricas e estrofas diferentes, axustadas, por experimentar; pero sinto máis cómoda neste tipo de versos porque sae máis fluído, aínda que unha vez escrito o traballo de revisión é moi difícil", precisa.

Un total de corenta poemas. Algúns precedidos por citas de autores aos que admira e aos que dedicou algunhas destas poesías. Autores e autoras que forman parte do seu paraíso, como persoas, motivacións, experiencias, pensamentos... que igualmente inspiraron estes poemas.

Tras a súa presenza na Feira madrileña, a presentación do libro en Pontevedra xa ten data sinalada, o sábado 21 xuño na Libraría Paz.