A compañía Apatacón, integrada por Faia Díaz e Vero Rilo, encheu de música este domingo o convento de Santa Clara. Dentro do ciclo 'Híbridas en Santa Clara', presentaron 'Por unha peseta', unha proposta con moita retranca.
'Por unha peseta' é un traballo onde voz narrada e cantada se achegan para atopar canto vale unha peseta. Faino a través de historias de vida recollidas na contorna máis próxima e no universal que acaban xuntándose nunha peza que achega a partes iguais ao humor, á sensibilidade e á tenrura propias dos galegos e galegas.
Supón unha viaxe ao pasado, pero desde un punto de vista actual que respecta os saberes, tradicións, historias e retranca galegos.
Como no resto das actuacións deste ciclo 'Híbridas en Santa Clara', tamén esta cita supuxo unha mestura de conceptos, estilos, formatos e, sobre todo, o contraste entre o espazo e os contidos.