PortAmérica, aprazado ata xullo de 2021: "Foi unha decisión durísima", afirma a organización

Umia
15 de maio 2020

Afirman que "non queremos un festival no que o noso público non viva unha experiencia plena" e entenden que, nestes momentos, "non se dan as condicións para garantilo". Case a totalidade de artistas programados confirmaron a súa presenza en Caldas de Reis o próximo ano. Ademais, prometen que haberá "sorpresas".

Concerto de Depedro no festival PortAmérica
Concerto de Depedro no festival PortAmérica /

O décimo aniversario de PortAmérica terá que esperar. A crise sanitaria do coronavirus fixo imposible que o festival se poida celebrar nas datas previstas, a principios de xullo. A súa organización decidiu suspendelo e aprazalo ata 2021.

Os organizadores, que aseguran que foi unha "decisión durísima" de tomar, fixaron xa as datas para o festival do próximo ano: os días 1, 2 e 3 de xullo.

PortAmérica estivo esperando "para ver como se desenvolvía a desescalada", pero lamenta que ante a falta de instrucións concretas por parte das autoridades respecto a a celebración de eventos das súas características, tiveron que suspender a súa celebración.

Afirman que "non queremos un festival no que o noso público non viva unha experiencia plena" e entenden que, nestes momentos, "non se dan as condicións para garantilo".

Nas últimas semanas, explican, o festival traballou "intensamente" para poder manter o cartel actual para a edición de 2021, tanto desde o punto de vista musical como gastronómico.

A este respecto, aseguran que "case a totalidade" de artistas programados confirmaron a súa presenza en Caldas de Reis o próximo ano. Ademais, prometen que haberá "sorpresas".

As entradas compradas serán válidas para as novas datas. Quen decida quedar con ela non ten máis que gardala. Iso si, quen o desexe pode solicitar o reembolso do importe das entradas para partir do 18 de maio.

"Prometemos que será o mellor PortAmérica da historia e o esforzo merecerá a pena. Non imos defraudar", aseguran desde a organización do festival, que agradece a "paciencia" e o "apoio incondicional" do público e a "compresión" de artistas e patrocinadores.

PortAmérica 2020 íase celebrar entre os días 2 e 4 xullo cun cartel no que, entre outros, figuraban Leiva, Coque Malla, Sidonie, Rufus Wainwright, Novedades Carminha, León Benavente, Alice Wonder, Wyoming y los Insolventes, Gustavo Santaolalla ou Beret.