PortAmérica mira na casa para abrir o seu cartel de 2026: Grande Amore, Eladio y los seres queridos e The Rapants

Umia
17 de novembro 2025

As tres bandas representan proxectos de música sen etiquetas, enerxía desbordante e talento de proximidade. Son as primeiras confirmacións para edición de 2026 do festival pontevedrés

The Rapants, Grande Amore e Eladio y los seres queridos
The Rapants, Grande Amore e Eladio y los seres queridos / PortAmérica

Tres formas de sentir a música, todas sen filtros. Son as protagonistas dos primeiros nomes que quixo anunciar a organización do festival PortAmérica para a súa edición de 2026, que se celebrará na Azucreira de Portas os días 9, 10 e 11 de xullo.

E como primeiro paso para o cartel da que será a súa décimo cuarta edición, PortAmérica fai toda unha declaración de intencións. Mira cara a casa e seleccionou con tres nomes que son pura adrenalina e autenticidade galega.

The Rapants, Grande Amore e Eladio y los seres queridos, que representan tres proxectos de música sen etiquetas, enerxía desbordante e talento de proximidade, son as primeiras confirmacións para a oferta do festival pontevedrés.

Os abonos para o festival xa están á venda, desde 75 euros en portamerica.es.

The Rapants, desde Muros, son unha explosión de pop, garage e disco que fai bailar sen descanso. O seu último álbum, La máquina del buen rollo, editouse en 2024.

Desde 2018 levan a súa "adrenalina rapante" por toda a península ibérica, contaxiando ao público con diversión e intensidade sen límites.

Grande Amore, pola súa banda, é o máis "ruidoso" da súa xeración. Aquí non importa a perfección técnica: todo é guitarra, ritmo, voz e actitude.

Chegará a Portas con novo disco debaixo do brazo, titulado III, co que Nuno Pico abre unha nova etapa que, segundo os seus promotores, será "puro ruído e distorsión".

E Eladio y los seres queridos, destacan desde o PortAmérica, son unha institución da música independente española. Pop, indie, folk e canción de autor mestúranse en melodías precisas e letras frescas, reflectindo máis de dúas décadas de carreira.

O seu último traballo, B.S.O 2005-2025, é unha antoloxía en directo con cancións emblemáticas e colaboracións de Eva Amaral, Depedro, Vega, Fillas de Cassandra ou Pucho de Vetusta Morla.

Estas primeiras confirmacións marca o comezo dun PortAmérica que, como sempre, volverá xuntar música, gastronomía e comunidade, tendo pontes a ambos os dous lados do Atlántico.