PortAmérica pon data á súa edición de 2020: 2, 3 e 4 xullo, en Caldas de Reis

Umia
21 de xullo 2019

Ide anotando nas vosas axendas. PortAmérica xa fixou a data para a súa novena edición. Os seus organizadores traballan xa no festival de 2020. Terá lugar os días 2, 3 e 4 xullo e será, un ano máis, na carballeira de Caldas

PortAmérica 2019
PortAmérica 2019 / Diego Torrado

Ide anotando nas vosas axendas. PortAmérica xa fixou a data para a súa novena edición. Os seus organizadores traballan xa no festival de 2020. Terá lugar os días 2, 3 e 4 xullo e será, un ano máis, na carballeira de Caldas.

O anuncio chega apenas dúas semanas despois da edición deste ano, na que o festival esgotou as entradas dispoñibles en dúas das súas tres xornadas, e congregou a 28.000 asistentes.

Andrés Calamaro, Depedro, Rozalén, Zahara, Madness, Amaia ou Mon Laferte foron, entre outros, algúns dos 35 artistas e bandas que actuaron en Caldas. A eles sumouse unha oferta gastronómica, o ShowRocking, no que participaron unha trintena de cociñeiros de alto nivel. Todos eles serviron máis de 35.000 tapas durante o festival.

De cara ao ano que vén, PortAmérica xa puxo á venda os abonos do festival. Faino a un prezo reducido, 45 euros polos tres días, ata o 1 de setembro. Trátase do abono para crentes, xa que se descoñece aínda a programación musical e gastronómica.

Con esta iniciativa, o festival busca premiar a confianza dos seus espectadores máis fieis.