'Prendedo butacas' é a última proposta cultural da Deputación de Pontevedra que pretende achegar o teatro á poboación da provincia e igualmente apoiar a este sector. Este programa desenvolverase entre os meses de outubro e decembro e está dirixido tanto ao público adulto como ao infantil.
Vila de Cruces, A Estrada, Cuntis, A Illa, Moaña, Vilaboa, Mos, Oia, Mondariz e A Cañiza son os dez municipios que contarán con estes espectáculos. "Trátase de Concellos gobernados por todas as cores políticas; de forma que destinamos recursos a todos, vivan onde vivan e goberne quen goberne" indicou a presidenta, Carmela Silva.
Musical, drama, comedia, monicreques... contidos diferentes ofrecidos por compañías de teatro profesional da provincia e con "valores e principios" polas súas mensaxes de igualdade, diversidade ou ecoloxía. Os emprazamentos nos que se desenvolvan terán as pertinentes medidas de seguridade e hixiene ás que obriga a normativa vixente.
Durante esta presentación, Carmela Silva aproveitou para recalcar a inxente oferta cultural que se programa na provincia: "somos a administración pública que máis actos culturais está a xerar; e levámolos a concellos que sen estas propostas da Deputación non poderían gozar da cultura", dixo, enumerando o número total de eventos que durante o verán programas e que cifrou en oitenta.
Engadía que "o sector cultural está a pasalo moi, moi mal e non podemos permitir que o sector da cultura caia; temos por tanto tamén ese obxectivo", referíndose ao mesmo tempo á óptima resposta que dita programación está a ter xa que "todos os espectáculos teñen esgotadas as entradas". Na mesma liña argumental, Silva aludía á programación de actividades deportivas, cualificándoas de "gran acerto".