Os artistas Andrea Pousa e Quique Queiman elaboraron o proxecto 'Amantes da Terra', un espectáculo de gran formato que iniciou a súa xira por Galicia. Froito da investigación xurdiu a elaboración dun documental coa figura de Antonio Fraguas como referente, ademais de tres novas cancións, unha delas cun vídeoclip titulado 'Fraguas de Amor'.
Estas iniciativas presentábanse este xoves na Casa das Campás cos creadores e con representantes da Universidade de Vigo, Fina Casalderrey como integrante da Real Academia Galega; Francisco Calo Lourido, do Museo do Pobo Galego e Adrián Estévez, da Fundación Otero Pedrayo.
Francisco Calo Lourido, un intelectual que tivo unha relación de amizade co homenaxeado neste Día dás Letras Galegas, afirmaba que a Antonio Fraguas non lle gustaba que lle chamasen Antón. "Eu son Antonio de Lisboa, e non Antón dos porcos", indicou Calo Lourido facendo referencia a que en Portugal denomínase aos porcos como "antón".
Sinalou que o mestre de Cotobade tiña as súas raíces "ben chantadas na terra", na súa Santiago de Loureiro. A continuación Quique Queiman tamén destacou a relación de Fraguas con Pontevedra onde tivo como guías a Losada Diéguez e a Castelao.
Pola súa banda, a académica Fina Casalderrey destacou que Fraguas recolleu, depurou e innovou na cultura galega e que foi un mestre no sentido máis amplo da palabra. Convidou a todos os presentes a que asistiran este venres ás proximidades da Escola da Famelga, onde a Real Academia celebrará o acto central do Día das Letras Galegas, ante a escola na que el decidiu quedar en Galicia.