Corenta anos. Toda unha vida. É o que conmemorará a agrupación folklórica Celme este próximo sábado 28 de decembro. Será cunha gala especial que se celebrará a partir do oito da tarde no auditorio de Afundación.
As escolas de música e baile, moitos ex compoñentes e a agrupación actual mostrarán un espectáculo variado e cheo de tradición.
Farano acompañados polo Grupo de Danzas de San Pedro de Gaillos (Segovia), cos que ofrecerán ao público unha noite chea de alegría e bonitos recordos.
Quique Domínguez, que xunto con Ana Alcántara e Malores Domínguez fundou esta agrupación en 1984, subliña que Celme "non podía imaxinar nos seus inicios todo o que ocorreu este corenta anos", polo que queren homenaxear a todos os que pasaron por esta asociación.
Ao longo destas catro décadas, o grupo Celme participou en festivais nacionais e internacionais por 15 países de Europa, Estados Unidos ou o recente mundial de fútbol de Catar.
Entre eles, atópanse dúas participacións no Festival Intecéltico de Lorient, tres no Festival Folklorico Internacional de Edimburgo ou tres participacións no Festival Intercéltico de Avilés.
Celme destaca por dispor de bailes e músicas de diferentes pobos e lugares de Galicia e, ademais, desde os seus inicios a preocupación polo traxe galego foi un dos seus obxectivos, chegando a atesourar máis de trinta traxes tradicionais de diferentes comarcas de Galicia.
Na actualidade, a agrupación dispón de escola de baile, pandereita e gaita, de onde se vai nutrindo principalmente dos seus compoñentes.
Despois de 40 anos quere mostrar na súa cidade, Pontevedra, toda a riqueza dun folklore galego que, ao longo de todos estes anos levaron por medio mundo.