Previsto un amplo programa cultural da Deputación arredor de Neira Vilas

Pontevedra
13 de xullo 2026

O goberno provincial deseña diversas iniciativas tras a designación do escritor de Vila de Cruces como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas en 2027

Neira Vilas recibe o premio Otero Pedrayo
Neira Vilas recibe o premio Otero Pedrayo / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra porá en marcha unha programación especial de actividades arredor da figura e a obra de Xosé Neira Vilas.

A iniciativa preséntase despois de que a Real Academia Galega elixise ao escritor nacido en Vila de Cruces como o autor protagonista do Día das Letras Galegas do ano 2027.

O presidente da institución provincial, Luis López, sinalou que o goberno provincial prepara un calendario de actos que se desenvolverá cunha dinámica máis acusada que en edicións anteriores, debido á relevancia da traxectoria literaria do autor falecido en 2015.

O obxectivo da entidade é difundir o seu legado mediante diversas propostas de carácter cultural: "Xosé Neira Vilas tiña un inmenso amor pola súa terra e, moi especialmente, pola nosa lingua, polo galego, unha lingua que el tratou de dignificar mediante a súa obra escrita e coa defensa do noso pobo, do pobo galego. Vamos celebralo como se merece", apuntou o presidente da Deputación. 

López vinculou esta homenaxe institucional coas orixes compartidas no rural do interior da provincia e co papel que tivo o escritor na defensa e dignificación da lingua e a identidade de Galicia a través dos seus libros.

O presidente provincial manifestou que este recoñecemento supón tamén unha posta en valor dos habitantes do medio rural aos que o narrador representou nas súas páxinas.

En concreto, López sinalou que a novela Memorias dun neno labrego se atopa entre as súas lecturas favoritas: "é un dos meus libros predilectos, na medida en que fala do rural, do agro, do apego que temos ao territorio e, neste caso, nun territorio no interior da provincia. Por esta e por outras moitas razóns, tanto a título persoal como da Deputación, non podemos estar máis felices por esta elección e por todo o que representa"

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora