A programación do Museo de Pontevedra para este ano converterao en "epicentro cultural do noroeste nacional"

Pontevedra
04 de febreiro 2025
Actualizado: 11:57

A directora do Museo, Ángeles Tilve, indicou que esta programación está marcada por dous fitos fundamentais: a Bienal de Pontevedra e o Ano Castelao

Ángeles Tilve e Rafa Domínguez presentaron a programación do Museo para 2025
Ángeles Tilve e Rafa Domínguez presentaron a programación do Museo para 2025 / Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra presentou a súa programación para este ano 2025 coa que aspira a converterse en "epicentro cultural do noroeste nacional", segundo sinalou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez.

A directora do Museo, Ángeles Tilve, indicou que esta programación está marcada por dous fitos fundamentais: a Bienal e o Ano Castelao.

Así, situarase ao Museo no centro da Bienal cunha exposición central que ocupará os edificios Castelao e Sarmiento durante o verán e irradiará a outros espazos da cidade.

Por outra banda, o Museo achegase a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao á sociedade no seu ano con visitas guiadas, actividades divulgativas, novas publicacións sobre o intelectual galeguista que estará moi presente no seu 75 aniversario.

Outra das claves desta programación é a investigación e a divulgación de "o máis próximo", con Pontevedra como protagonista nun ano para redescubrir a Sociedade Polifónica, a fotografía do século XIX ou artistas pontevedreses como José Ruibal ou Leopoldo Varela.

Na programación tamén destaca a exposición 'Pinturas negras', coa serie de Goya como referencia, na que se explorarán as posibilidades formais e simbólicas do negro.

Neste último caso, serán graduadas e docentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra quen presentarán obras de diferentes disciplinas con esta cor como protagonista.

Ángeles Tilve tamén destacou que neste 2025 continúa o ciclo 'Infiltracións' na colección do Museo con Marta Pazos e Iria Lombardía, e que se "afianzan" as colaboracións con outras institucións coas que Pontevedra traballa da man.

Son entidades referentes como o ICOM, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Escola de Restauración, as universidades e, por suposto, outros museos.

Ángeles Tilve e Rafa Domínguez presentaron a programación do Museo para 2025
Ángeles Tilve e Rafa Domínguez presentaron a programación do Museo para 2025 Mónica Patxot

Por último, o Museo de Pontevedra mantén a súa aposta por transferir o coñecemento á cidadanía con accións como talleres, cursos ou os seminarios 'Mulleres, feminismos, canon' e 'Estudos e reflexións sobre o patrimonio cultural. José María de Labra'.

Tamén foron anunciadas as xornadas de educación sobre o papel dos museos ou sobre 'estudos transatlánticos' así como unha nova edición do Encontro de Conservación e Restauración ou diferentes conferencias polo Día das Artes ou a da arte Rupestre, entre outras conmemoracións.