Protagonistas do retorno dos restos de Castelao a Galicia reflexionan sobre esa data histórica

Pontevedra
24 de xuño 2024

A xornada desenvolverase o venres 28 de xuño, coa participación de Tareixa Navaza, Javier Baltar, Henrique Monteagudo, Xan Carballa e Xosé Enrique Acuña

Fotografía da exposición 'Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías'
Fotografía da exposición 'Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías' / Museo de Pontevedra

Logo de organizar a exposición 'Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías', que pechou as súas portas o 2 de xuño, o Museo reúne agora protagonistas e estudosos daqueles acontecementos xusto no día que se cumpren catro décadas da xornada de regreso e soterramento do corpo do intelectual galeguista.

A xornada 'Arredor dun feito histórico. O retorno de Castelao a Galicia, 28 de xuño de 1984', celebrarase na tarde do próximo venres 28 de xuño no Edificio Castelao, de 16:30 a 20:00 horas. 

A xornada está dirixida por Xosé Enrique Acuña e o acceso é libre. Entregaráselle un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en [email protected].

Tras a presentación a cargo da directora do Museo, Ángeles Tilve, desenvolverase unha mesa redonda sobre a visión daquela data desde o punto de vista xornalístico. 

Xosé Enrique Acuña, comisario da recente exposición sobre esta data celebrada no Museo, falará sobre as connotacións históricas dese día en relación co fotoxornalismo; Xan Carballa, autor dunha reportaxe fotográfica para A Nosa Terra, que foi o eixo de dita exposición, falará desde a experiencia da súa cobertura informativa; e Tareixa Navaza, que retransmitiu en directo aqueles acontecementos para TVE, exporá a súa visión duns feitos dos que se converteu en protagonista a posteriori polo impacto da súa narración televisiva.

A continuación desenvolveranse dúas conferencias. A primeira, a cargo dun dos protagonistas daquela xornada: Francisco Javier Baltar Tojo, valedor, protector e herdeiro das irmás de Castelao, que como avogado da familia acompañou a Tereixa Rodríguez Castelao na chegada dos restos do seu irmán e participou nas negociacións previas á chegada. Baltar falará da intrahistoria daquelas negociacións.

A segunda conferencia será a cargo de Henrique Monteagudo, profesor e investigador, autor de varias publicacións sobre Castelao. Centrarase nas diferencias políticas dentro do nacionalismo que se manifestaron arredor do acontecido o 28 de xuño de 1984 e como estas entroncan cunha historia anterior de diverxencias, tanto en Arxentina como en Galicia.

A xornada pecharase cun coloquio conducido por Xosé Enrique Acuña.