Dous anos sen PortAmérica "sería terrible". Con esa declaración de intencións, Kin Martínez, director do festival, quixo presentar este martes un evento que, segundo recoñeceu, será "especial" e apostará por "conceptos únicos".
Descartada a carballeira de Caldas "unicamente por cuestións técnicas", aclarou o responsable de PortAmérica, o festival viuse obrigado a buscar unha localización "momentánea" que atoparon moi preto, na Azucreira de Portas.
Alí celebrarase os próximos días 1 e 2 de outubro un festival que, baixo a denominación "Orixe", reunirá proxectos artísticos cos que Esmerarte Industrias Creativas, a compañía que organiza cada ano o PortAmérica, "levamos traballando desde hai tempo".
Así, contarán con Deluxe -a antiga banda de Xoel López-, que se reúne trece anos despois do seu último concerto; Le Punk, grupo inactivo desde hai nove anos; os mexicanos Jenny and the Mexicats ou os galegos Novedades Carminha, Ortiga e Eladio y los Seres Queridos.
Na xornada do sábado 2, o principal atractivo será o concerto de Vetusta Morla, que estarán acompañados de Xoel López, Tropical Jesus (o alter ego de Carlos Sadness), Pablo Lesuit ou os pontevedreses Furious Monkey House.
ENTRADAS E AFOROS
Os concertos celebraranse co público de pé, segundo explicou a organización, que dividirá o recinto en oito 'sectores burbulla' que, como homenaxe á comarca, recibirán os nomes de Caldas, Portas, Cuntis, Moraña, Valga, Barro, Catoira e Briallos.
Cada un deles dispoñerá de acceso, barra e servizos propios e exclusivos, e estará dividido á súa vez en dúas partes: zona de gozar do show e zona de consumo, que garantirán unha distancia mínima interpersoal de dous metros cadrados entre asistentes.
O público poderá acceder unicamente ao sector para o que teña entrada e non poderá interactuar cos espectadores doutras zonas. O uso de máscara será obrigatorio.
En canto á zona gastronómica, haberá unha ampla zona de 'food trucks' separada do recinto dos concertos, aínda que os protocolos impostos pola pandemia impedirán que, como era habitual, se poida organizar o ShowRocking con cociñeiros nacionais e internacionais.
Con respecto ás entradas, non haberá posibilidade de adquirir entrada para un único día. Só se poñerán á venda abonos para os dous días a un prezo de 75 euros máis gastos. O proceso de venda activarase o vindeiro xoves 23 de setembro, a partir das 13:00 horas, unicamente na web do festival.
Iso si, a organización quixo ter un detalle cos "crentes", como os definiu Kin Martínez, e aquelas persoas que gardasen as súas entradas para o PortAmérica 2022 -tras dúas cancelacións seguidas- accederán a unha venda anticipada desde as 10:00 horas.
Todas as entradas serán nominativas por cuestións de trazabilidade e aos asistentes entregaráselles unha pulseira 'cashless' coa que poderán realizar os pagos dentro do recinto.
Haberá ademais liñas de autobuses desde Santiago, Cambados, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo para chegar ata o recinto e o PortAmérica manterá a súa aposta pola sustentabilidade e impulsará unha campaña sobre tolerancia, feminismo e respecto.