Da man de Ava, unha experta observadora de paxaros, alegre, curiosa e aventureira, o auditorio de Afundación viviu este sábado unha gran aventura, a procura dun tesouro.
Foi con motivo do espectáculo de 'Bibopalula', que fixo parada en Pontevedra na súa xira por Galicia.
Animado por Ava e a súa paixón é o bosque e toda a vida que cada día podemos descubrir nel, o público pontevedrés acompañou a Robin, Carpin, Pegui e Merli, A Banda do Bosque, na súa procura.
A Banda do Bosque cumpriu a misión encomendada polo Señor Moucho para atopar o misterioso tesouro e, coa compañía dos espectadores, superou obstáculos e viviu momentos emocionantes.
A música foi a gran protagonista, con doce cancións orixinais xa coñecidas polo público da serie Bibopalula, como 'O Terremoto, 'As Estrelas' ou 'A Poza', con coreografías, efectos especiais e unha espectacular iluminación.
Nenos e nenas, e tamén as súas familias, entregáronse ás melodías e á misteriosa misión, confirmando tamén o Pontevedra o éxito que este grupo de paxaros que fan música cultivou noutras cidades galegas e na súa versión serie nas pantallas en Xabarin.gal.
Os grandes protagonistas, de entre 3 e 8 anos, saíron do teatro cun pequeno agasallo co que revivir a experiencia a través dun xogo interactivo co que aprenderán moito máis sobre o bosque e os paxaros que o habitan, e gozarán de máis cancións.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.