Que significan as coviñas que hai furadas na pedra da Laxe dos Bolos? Por que moitos dos gravados están nas partes máis húmidas? Que relación hai entre o petróglifo da Laxe e o tradicional 'bolo de ovos' que os padriños de Caldas regalan en Pascua ás súas afilladas? Que pasa no Xiabre no solsticio de verán? Todas estas cuestións e moitas máis curiosidades que foron analizadas e estudadas nos últimos anos polo equipo de arqueoloxía que traballou na Laxe dos Bolos terán resposta este venres día 17.
O Concello de Caldas de Reis presentará ás oito da tarde nun acto aberto ao público no auditorio o libro que recolle o traballo arqueolóxico desenvolvido sobre A Laxe, un dos conxuntos rupestres máis destacables do noroeste da Península Ibérica.
Estarán presentes as dúas persoas autoras, a investigadora Elena Cabrejas Domínguez do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do Consello Superior de Investigacións Científicas e Manuel Santos Estévez, responsable da análise e interpretación dos gravados, xunto ao tenente de alcalde Manuel Fariña.
Baixo o título 'O santuario da Laxe dos Bolos. Cando o sol alumea a vella montaña', o libro (do que hai editada unha tirada de 300 exemplares) componse de nove capítulos e 125 páxinas nas que se fai un percorrido polo contexto, a época, as características da arte rupestre atlántica, as particularidades do Xiabre e a contorna que dan lugar a unha visión holística e multidisciplinar da relevancia do petróglifo.
A obra recolle tamén os apartados principais que aportan o significado e a interpretación a moitos dos motivos representados, mentres que os derradeiros capítulos falan da divulgación e posta en valor da laxe, dando lugar a un traballo integral visualmente moi atractivo grazas a moitas fotografías e recreacións de alta calidade.
A Laxe dos Bolos é un espazo con forte contido simbólico e ritual que estivo en funcionamento máis de 5.000 anos, do Neolítico á Idade de Ferro, tendo características de santuario prehistórico.