Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Guti, Tres Vellas na Romaría, abrirán Sete Falares o 2 de xuño

Pontevedra
07 de maio 2024

O duodécimo encontro internacional de contadores de historias vai celebrarse desde o domingo 2 de xuño ata o sábado 8. As entradas para o espectáculo inaugural xa están á venda en Ataquilla. Os tres contadores narrarán historias sobre o mundo estival das romarías con referencias aos milagres, romances e  ofrendas devotas

Imaxe de 'Tres Vellas na Romaría'
Imaxe de 'Tres Vellas na Romaría'

Romarías, festas, bailes e milagres con empanadas e melindres acompañarán o acto inaugural de Sete Falares o domingo 2 de xuño no Teatro Principal de Pontevedra ás 20.00 horas.

Baixo o título 'Tres Vellas na Romaría', Celso Fernández Sanmartín, Quico Cadaval e Guti subirán ao escenario pontevedrés para ofrecer un repertorio de historias repletas de muiñeiras, xotas e bailes charros festivos nas que se combina a superstición co escepticismo da festa.

Celso Fernández Sanmartín é narrador oral, ademais dun recoñecido poeta, autor de 'A cama do meu avó' que se converteu en performance en 'Escenas do cambio'.

José Luis Gutiérrez "Guti", pola súa banda, é un narrador, ademais de guía nativo e inlfuencer. Mantén un post diario na rede social Facebook, que leva por titulo 'Besos matinales'.

Por último, Quico Cadaval é un dos referentes da escena en Galicia cunha ampla traxectoria como director teatral, actor e contador de historias. Dirixiu, entre outros espectáculos, 'Ou Porco de Pé' e participa en 'Shakespeare en Roma', última montaxe do Centro Dramático Galego.

As entradas xa se atopan á venda en Ataquilla. O prezo xeral é de oito euros, máis gastos de tramitación. Para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65 anos, o prezo establecido é de catro euros.

O encontro internacional de contadores de historias Sete Falares desenvolverase a partir do 2 de xuño ata o sábado 8 do mesmo mes con numerosas actividades en distintos puntos da cidade. A programación darase a coñecer nos próximos días.