RADIO.- A exitosa tiktoker IreniusX debuta no mercado editorial con 'Poción de autoamor'

Pontevedra
12 de xuño 2022

IreniusX ten millóns de seguidores no seu perfil deTikTok. A rede social á que sobe as súas habilidades creativas, múltiples e moi diferentes. Charlamos en PontevedraViva Radio coa exitosa tiktoker que acaba de publicar 'Poción de autoamor'. Un libro no que fala de saúde mental en primeira persoa e que espera sexa motivador para quen en situacións semellantes, poidan superar estes trastornos

IreniusX trae ao podcast 'Cara a cara' a súa primeira publicación, 'Poción de autoamor'
IreniusX trae ao podcast 'Cara a cara' a súa primeira publicación, 'Poción de autoamor' / Mónica Patxot

Irene Rodríguez Araújo é unha moza de vinte e dous anos, viguesa, titulada en Educación Infantil. Profesionalmente é tatuadora e tamén se dedica a diferentes disciplinas artísticas como a ilustración ou modelado con diversos materiais, por citar só dous. Estas e o resto de habilidades as mostra, e con rotundísimo éxito de seguidores e reproducións, en TikTok e en Instagram

Este mes publicou 'Poción de autoamor' (Edicións Montena) no que ao abrir as súas páxinas hai poesía, autobiografía, ilustracións, frases motivadoras ou mesmo letras de cancións. Un proxecto que Irene tiña claro e que para ela foi conseguir algo positivo dunha experiencia vital que non o foi. Apunta no podcast  'Cara a cara' que espera sirva tamén de axuda a outras persoas que pasasen por situacións semellantes. Demostrar que é posible superar esas vicisitudes.

E é que falar de persoa exitosa en redes sociais é asocialo a felicidade, a ausencia de problemas. IreniusX é unha moza exitosa, sen dúbida; pero antes, Irene Rodríguez conviviu na súa infancia e adolescencia cun trastorno de alimentación e un trastorno límite de personalidade. Fala deses tránsitos neste libro e súmase ao número de persoas con alto número de seguidores que falan abertamente de saúde mental.

É consciente de que podía ser un risco, pero tamén do beneficio que podía supoñer. De feito, como sinala en PontevedraViva Radio, nestes días de promoción de 'Poción de autoamor' e de contacto os lectores, o feedback que recibe está a resultar moi positivo.