RADIO.- A historia de amor contada grazas a cento trinta e cinco mecenas

Pontevedra
18 de abril 2022

 Carol B. Resurrección debuta como novelista con 'La historia de amor más bonita jamás contada'. Primeira publicación, pero non primeiras escrituras desta pontevedresa graduada na Facultade de Ciencias Sociais. Acompáñanos en PontevedraViva Radio

Carol B. Resurreción trae a PontevedraViva Radio a súa novela 'La historia de amor más bonita jamás contada'
Carol B. Resurreción trae a PontevedraViva Radio a súa novela 'La historia de amor más bonita jamás contada' / Mónica Patxot

A protagonista deste 'Cara a cara' lembra que escribía desde a infancia e que compartía momentos de lectura co seu avó. Precisamente esa ascendencia familiar serviulle de argumento a Carol Buceta Resurrección para escribir a novela  'La historia de amor más bonita jamás contada'.

"Nunca tiven a oportunidade de preguntar como foi a historia de amor dos meus avós, pero ambos vivían preto, próximos a Santa María. Eles dixéronme que vivindo tan preto nunca se coñeceron, pero ambos emigraron a Venezuela. No barco coñecéronse, no barco namoráronse e en Venezuela casaron". Este foi o xerme da novela que nos trae a PontevedraViva Radio.

Aínda que en outubro de 2018 comeza a escribir as primeiras páxinas deste libro, non é ata 2020 co obrigado confinamento, cando se dedica a diario durante horas a este obxectivo. No verán do ano pasado exponse como editalo e chega á opción do crowfunding para conseguir os case cinco mil euros que conlevaba a edición. 

No outono o obxectivo estaba cumprido e este mes de abril viu todo ese proceso nas súas mans que agora está a distribuír aos máis dun centenar de mecenas que o fixeron posible e cos que sente completamente agradecida. É a súa primeira publicación e polo momento nos próximos meses a súa vida profesional e persoal vai estar bastante atareada.