RADIO.- A música coral sobe este sábado ao escenario do Teatro Principal

Pontevedra
12 de xuño 2024

O Orfeón Pontis Veteris organiza os 'Encontros coa música 2024' ofrecendo, con entrada gratuíta, un recital con dúas corais e un orfeón para este próximo sábado 15 de xuño no Teatro Principal. Detallaron a convocatoria en PontevedraViva Radio

Organizadores do evento 'Encontros coa música 2024'
Organizadores do evento 'Encontros coa música 2024' / PontevedraViva

Un intercambio coa Coral Polifónica Follas Novas da Coruña ten como resultado a celebración dos 'Encontros coa música 2024'.

O Orfeón Pontis Veteris promove este evento que se desenvolverá no Teatro Principal de Pontevedra este próximo sábado 15 de xuño a partir das 20.00 horas, con entrada gratuíta ata completar aforo.

Tres dos seus organizadores ofrecen detalles da convocatoria en PontevedraViva Radio, son Manuel Pintos, Manuel Fernández e Fidel Prieto. Pintos é director das dúas formacións pontevedresas que participarán na convocatoria e trátase da Coral Helénica e do Orfeón Pontis Veteris.

Aos dous anfitrións sumarase a Coral Polifónica Follas Novas da Coruña que actuarán contando coa dirección de Fernando Vázquez Arias. Coral que foi galardoada pola Real Academia Galega de Belas Artes coa Medalla de Ouro.

Como sinalan desde Pontis Veteris, será un concerto con "tres agrupacións con estilos diferentes de concibir a música e a súa interpretación pretende facer o deleite de todos os asistentes".

O podcast completo pódese escoitar desde a ligazón que se adxunta e está dispoñible en PontevedraViva Radio para reprodución e descarga