RADIO.- A playlist de... Javier de la Torre: Imos pintar un rock and roll na Praza de Abastos

Pontevedra
26 de setembro 2020

Javier de la Torre, 'Jota' como o que coñecen os achegados desta cidade na que leva residindo media vida, mostra ata final de mes os seus cadros no Mercado de Abastos. 'Rock and roll na Praza'. Este leonés fai a selección musical para A playlist de PontevedraVIva Radio

Javier de la Torre xunto a varios dos seus cadros expostos na Praza de Abastos
Javier de la Torre xunto a varios dos seus cadros expostos na Praza de Abastos / Mónica Patxot

Javier Rodríguez de la Torre, Javier de la Torre, Javi 'de la T', J. T e finalmente, ata espremer ao máximo, 'Jota'. Con todos eles realizamos un novo podcast motivados pola autoría da exposición que ata final deste setembro pódese ver no Mercado de Abastos: Rock and roll na Praza.

Leva media vida en Pontevedra; aínda que este leonés ten curtida a pel polos rigores do frío e do calor castelán e aínda non perdeu o uso dos verbos compostos. Deixou a súa cidade para estudar Belas Artes. Ao terminar, fixo en Valencia o doutoramento de 'Arte ambiental e música electrónica', onde coñeceu as raves. E aí foi onde lle entrou "o formiguillo" de exercer de dj.

A súa nai, que falecía cando 'Jota' aínda non alcanzara a maioría de idade, foi de quen herdou o interese pola pintura. Como artista fixo decoración de locais de hostalería, deseño gráfico de videoxogos, murais e dá clases particulares de debuxo e pintura. Na parte musical ten o seu percorrido por establecementos pontevedreses ata chegar ao Pequeño, onde estivo a picar ata o pasado marzo.

Los Flechazos, Los Deicidas, Ópera Prima... bandas leonesas dos 80 e 90 que ben coñeceu. El mesmo formou parte dun grupo de break dance que chegou a participar nun dos míticos programas musicais de televisión: Tocata. Como os temas que selecciona para A playlist, é "bastante ecléctico".

O confinamento permitiulle conseguir a concentración que require dedicarse á pintura "porque son unha persoa bastante dispersa". Neses meses tamén practicou unha afección pola que mesmo chegou a estar matriculado no Carlos Oroza, a cociña. E cociñou cun particular obxectivo didáctico que explica en PontevedraViva Radio, mentres gravaba vídeos titoriais. O prato está servido... no Mercado de Abastos, pero só ata final de mes.