RADIO.- A pontevedresa Paula Cheshire, Premio Antifaz á Autora Revelación, ilusionada coa presentación "en casa" do seu último título

Pontevedra
06 de xullo 2023

Participará na Festa dos Libros nun encontro con outras ilustradoras e presentarase a última edición do fanzine 'Dásme ansiedade'. Charlamos con ela no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

A ilustradora pontevedresa Paula Cheshire participa na Festa dos Libros 2023 Cristina Saiz

Paula García Vázquez ou Paula Cheshire obtivo este ano no Salón do Cómic de Valencia o Premio Antifaz á autora revelación por ‘El duelo’. Como sinalaba a organización "unha obra que mostra a capacidade da autora para transmitir emocións profundas e reflexións que, desde o grafismo e a narrativa de gran naturalidade, evocan sentimentos de empatía".

Esta fin de semana participará na Festa dos Libros de Pontevedra e antes charlamos con ela no podcast 'Cara a cara'.

En 2021 fíxose autónoma e lanzouse a facerse o seu oco no sector da ilustración. A teor dos resultados nestes dous anos, o intento está a ser satisfactorio. Ademais do galardón obtido en Valencia, estivo nomeada na mesma categoría ao Premio Miguel Gallardo no Cómic Barcelona, participou na última edición do Salón do Cómic de Zaragoza ou do Japan Weekend de Bilbao, no Viñetas desde ou Atlántico da Coruña e para o que queda de ano estará no Madrid Cómic Pop Up e no Salón do Cómic de Getxo (Biscaia).

Ademais dos títulos xa editados, ben como ilustradora, ou como autora de historia e ilustración, fálanos de proxectos próximos. O máis inmediato o que terá lugar durante a cita pontevedresa cos libros, na que presentará a nova edición de 'Me das ansiedad', un libro que autoeditó sobre o fanzine que publicaba en redes sociais e que agora volve levar a papel e con novas tiras xunto a Fandogamia.

"Poder asinar na miña cidade faime moita ilusión e que vaian presentar exclusivamente aquí un dos meus cómics é moi guay", di.

O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar desde a web de PontevedraViva Radio.