O Pontevedra CF xa coñece o camiño en Primeira RFEF

Fútbol
24 de xuño 2026
Actualizado: 11:17

O cadro de rivais granates queda composto por seis equipos ascendidos, dous descendidos desde Segunda División e dous filiais de clubs de Primeira División

Partido do Pontevedra no Estadio Municipal de Pasarón
Partido do Pontevedra no Estadio Municipal de Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol xa ten definido o mapa de rivais ao que se enfrontará durante a tempada 2026-27 en Primeira RFEF.

A composición dos dous grupos da categoría quedou resolta este mércores, tras o proceso impulsado pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) con participación dos propios clubs.

O conxunto granate quedou encadrado no Grupo 1, onde compartirá competición con 19 equipos de distintos puntos do norte e oeste da península.

Entre eles aparecen catro adversarios galegos: o CD Lugo, o Racing Club de Ferrol, o Fabril (filial do RC Deportivo da Coruña e recentemente ascendido) e a UD Ourense. A presenza destes equipos garante varios duelos autonómicos durante o curso.

Castela e León será outra das comunidades con maior representación, con cinco conxuntos: Unionistas de Salamanca, Zamora CF, SD Ponferradina, Cultural y Deportiva Leonesa e CD Mirandés. Tanto a Cultural como o Mirandés chegan procedentes de Segunda División tras a última campaña.

O calendario tamén obrigará ao Pontevedra a afrontar desprazamentos de longa distancia. Estremadura será un dos destinos máis repetidos, con catro visitas previstas para medirse ao CP Cacereño, a AD Mérida e dous equipos que competían en Segunda RFEF o pasado exercicio: o CD Coria e o CD Extremadura.

O bloque vasco do grupo estará formado por catro rivais: Arenas Club de Getxo, Bilbao Athletic, Barakaldo CF e Real Unión Club de Irún, este último tamén recentemente ascendido.

A eles súmanse o Real Avilés Industrial, representante asturiano, e a UD Logroñés, que regresa á categoría tras o seu ascenso.

O cadro de rivais granates queda composto así por seis equipos ascendidos, dous descendidos desde Segunda División e dous filiais de clubs de Primeira División, unha combinación que debuxa unha tempada con variedade de perfís e escenarios competitivos.

O Grupo 1 de Primeira RFEF estará integrado por AD Mérida, Arenas Club, Athletic Club 'B', Barakaldo CF, CD Coria, CD Extremadura, CD Lugo, CD Mirandés, CP Cacereño, Cultural y Deportiva Leonesa, Racing Club Ferrol, RC Deportivo Fabril, Real Avilés Industrial, Real Unión Club, SD Ponferradina, UD Logroñés, UD Ourense, Unionistas de Salamanca CF e Zamora CF, ademais do Pontevedra CF.

Desde a RFEF explicaron que a configuración dos grupos levou a cabo dando participación aos clubs de Primeira e Segunda Federación.

A proposta final foi analizada na Comisión de Presidentes e posteriormente sometida a votación entre os equipos implicados, despois dun proceso no que as federacións territoriais presentaron diferentes alternativas.

Entre os criterios establecidos para Primeira RFEF figuraba manter a igualdade na repartición de equipos descendidos e conxuntos dependentes en cada grupo.

O calendario definitivo coñecerase o vindeiro martes 30 de xuño, nun acto que terá lugar na Praza Selección de Colón.