Non renovar os campos de fútbol-8 da Xunqueira no verán, unha "falta de planificación" para o PP

Pontevedra
11 de xuño 2026

O concelleiro popular Guille Juncal defende que "o lóxico sería aproveitar os meses de verán para executar unhas obras tan necesarias e demandadas"

Campo de fútbol-8 do Complexo Manolo Barreiro da Xunqueira
Campo de fútbol-8 do Complexo Manolo Barreiro da Xunqueira / Cristina Saiz

A renovación do céspede sintético dos dous campos de fútbol-8 do Complexo Manolo Barreiro da Xunqueira acometerase antes de que acabe o ano, segundo os prazos que manexa o Concello de Pontevedra.

Esta actuación en todo caso non poderá iniciarse até pasado o verán ao atoparse actualmente os técnicos ultimando a publicación do expediente de contratación das obras.

Ante esta situación, o Partido Popular de Pontevedra criticou este xoves o que entende como unha "evidente falta de planificación" por parte dos responsables municipais.

Así o cualifica o concelleiro popular Guille Juncal, ao entender que o óptimo sería poder acometer os traballos durante os meses nos que estes campos se atopan sen practicamente uso.

"O lóxico sería aproveitar os meses de verán para executar unhas obras tan necesarias e demandadas, dando cumprimento ao convenio asinado en xullo de 2025 coa Deputación de Pontevedra, para mellorar os dous terreos de fútbol 8 que rexistran unha intensa actividade durante o resto do ano", afirma Juncal.

Para o edil popular "nin o alcalde nin a concelleira responsable tiveron en conta as necesidades reais dos nosos deportistas", critica.

Por todo iso "parécenos de sentido común aproveitar o parón por vacacións para realizar a substitución do céspede artificial dos dous campos, sen afectar os adestramentos nin ás competicións", conclúe o comunicado feito público polo Partido Popular de Pontevedra.

A actuación prevista nos dous campos de fútbol-8 da Xunqueira, nos que se instalará céspede sintético de última xeración con mellores prestacións que o actual, suporá un investimento de 143.000 euros.