A renovación dos campos de fútbol-8 da Xunqueira, para despois do verán

Pontevedra
09 de xuño 2026

A previsión que manexa o Concello de Pontevedra é que a renovación destas instalacións estean concluídas antes de que finalice 2026

Campo 2 de fútbol-8 do Complexo Manolo Barreiro na Xunqueira
Campo 2 de fútbol-8 do Complexo Manolo Barreiro na Xunqueira / PontevedraViva

Os campos de fútbol-8 do Complexo Deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira estarán renovados antes de que acabe o ano 2026.

É polo menos o horizonte temporal que se marca como obxectivo o Concello de Pontevedra, segundo indican fontes municipais, para substituír o céspede artificial destes dous campos.

Trátase de instalacións intensamente utilizadas polos clubs de fútbol da cidade e que presentan un estado de importante desgaste, mesmo con fochas nalgunha zona do terreo de xogo.

Actualmente os técnicos atópanse traballando na publicación do expediente de contratación das obras.

Con todo os tempos establecidos nestes procesos de contratación pública fan imposible que os traballos se poidan acometer durante os meses de verán, cando se atopan sen uso.

Cabe recodar que esta intervención conta con fondos asignados tras o convenio asinado en xullo de 2025 entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, e anunciado nun dos campos de fútbol obxectivo da renovación coa presenza tanto do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, como do presidente da Deputación, Luís López.

A previsión é instalar céspede sintético de última xeración e con mellores prestacións que o actual.

Para iso investiranse 143.000 euros.