O goberno municipal de Pontevedra traballa nun proxecto que suporá "reorganizar" as instalacións deportivas da Xunqueira e que, ademais de renovar os campos actuais, estudará a posibilidade de ampliar os espazos existentes con novas dotacións.
Así o avanzou a edil responsable da área municipal de deportes, Anabel Gulías, no pleno deste luns, en resposta á moción presentada polo PSdeG-PSOE para mellorar o estado "deficiente" do complexo deportivo Manolo Barreiro e resolver a súa "oferta insuficiente".
O Concello destinará case 143.000 euros para repor o céspede artificial destes campos que, recoñeceu Gulías, están en "malas condicións". Ademais, renovaranse varias zonas e, entre outras accións, habilitaranse vestiarios femininos.
A iniciativa socialista, aprobada por unanimidade, reclamaba tamén cubrir as bancadas para o público, programar un mantemento regular destas instalacións e negociar con Educación o uso das instalacións deportivas do CEIP Xunqueira 2 e do IES A Xunqueira I.
Coordinando o uso destes equipamentos, defendeu Manuel Fariña, poderíanse converter os actuais campos de terra, por unha banda, nun campo para fútbol 8, fútbol 11, rugby e béisbol, no primeiro dos casos; e de fútbol 8, no segundo.
A este respecto, o Concello estudará, xunto coas autoridades educativas e os responsables de ambos os centros, que estes usos se poidan compatibilizar con outras modalidades deportivas, entre as que Anabel Gulías citou unha pista de atletismo ou un espazo para a patinaxe.
Esta non foi a única unanimidade que logrou este luns a corporación municipal, xa que tamén foi aprobada sen votos en contra a moción do PP na que se reclamaba unha actuación para humanizar o ámbito de capela de San Amaro.
A edil popular Beatriz Rey reclamou "o que é de xustiza" para os veciños e desde o goberno municipal lembraron que eses terreos son propiedade do Arcebispado de Santiago, con quen o Concello xa está a negociar que poidan cedelo á administración municipal.
Se a Igrexa accede a esta petición, o goberno municipal impulsará este proxecto, que incluirá a supresión do aparcadoiro, a protección do histórico cruceiro e a instalación de mobiliario, peticións todas elas feitas polos veciños e que o PP incluíu na súa moción.