O PSOE propón dotar os centros educativos da Xunqueira de dous novos campos de herba sintética

Pontevedra
08 de abril 2025
Actualizado: 09 de abril

Os socialistas queren "optimizar" a práctica deportiva dos escolares e ampliar as horas que o Manolo Barreiro lles ofrece aos clubs de Pontevedra

Campo de fútbol do CEIP A Xunqueira 2 co seu pavillón ao fondo
Campo de fútbol do CEIP A Xunqueira 2 co seu pavillón ao fondo / Mónica Patxot

Os socialistas de Pontevedra están convencidos de que os terreos de xogo do Complexo Deportivo Manolo Barreiro "deben potenciarse dun xeito máis ambicioso" para dar resposta á crecente demanda de horas de adestramento e competición por parte dos equipos da cidade.

Ademais de esixirlle ao goberno local unha mellora das instalacións e unha programación regular do seu mantemento, o grupo municipal do PSOE insta a Concello e Xunta a colaborar para dotar os veciños CEIP Xunqueira 2 e IES A Xunqueira I de dous campos de herba artificial de última xeración, nos espazos que agora mesmo ocupan os de terra.

A iniciativa do PSOE reclama a Concello e Xunta a acadar un acordo cos respectivos consellos escolares para a construción dun novo campo habilitado para fútbol 11 e 8, rugby e béisbol no CEIP Xunqueira 2 e doutro para fútbol 8 no IES A Xunqueira I.

Segundo sinala o PSOE local, así daría resposta a unha dobre necesidade: garantir a continuidade de uso destes terreos para a práctica deportiva e de lecer do alumnado destes centros en condicións óptimas e, ademais, fóra do horario lectivo e das actividades extraescolares, incrementar con estes novos campos a oferta de horas que o Manolo Barreiro pon a disposición dos clubs pontevedreses.

A proposta será presentada como moción para o seu debate no vindeiro pleno da corporación.

Na moción, solicítase ao goberno do BNG que acometa de xeito perentorio a renovación da herba artificial e do equipamento dos dous campos de fútbol 8 e do campo número 1 de fútbol 11; que constrúa novos vestiarios para que nenas e mulleres poidan empregar estas instalacións en plena igualdade cos nenos e homes; que cubra as bancadas de público dos dous terreos de fútbol 8 e que mellore e programe con carácter regular o mantemento de tódolos campos que conforman este complexo.

A proposta presentada este martes polos concelleiros socialistas Iván Puentes e Manuel Fariña traduciríase en arredor de 10.000 metros cadrados de espazo deportivo gañados neste contorno da Xunqueira para mellorar as condicións nas que practican actividade física o alumnado dos dous centros educativos, que sumados aos xa existentes no Manolo Barreiro permitirían dispoñer duns 30.000 metros cadrados de terreo de xogo de herba artificial para ofertarlle aos clubs da cidade.

Iván Puentes e Manuel Fariña
Iván Puentes e Manuel Fariña

A moción rexistrada polo PSOE foi presentada nunha comparecencia protagonizada polo seu portavoz municipal, Iván Puentes, e máis o concelleiro Manuel Fariña, que indicaron que "as instalacións seguirían a ser dos centros educativos, pero hai moitas horas baleiras sen uso fóra do horario lectivo que poderían formar parte da oferta do Manolo Barreiro para adestramentos e competicións"

Iván Puentes calcula que os novos campos de herba artificial suporían un investimento duns 500.000 euros cada un, é dicir, de arredor dun millón de euros. 

Pola súa banda, a reposición de herba nos dous campos de fútbol 8 do Manolo Barreiro ascendería a 250.000 euros por terreo e a do de fútbol 11 a uns 300.000 euros.