Tras o recente anuncio de João Resende como xogador do SC Farense chega unha nova saída no plantel do Pontevedra Club de Fútbol. Non se trata dunha calquera, senón que é o máximo goleador do equipo en Primeira Federación Alain Ribeiro quen abandona a disciplina do conxunto granate.
Así o anunciou o propio xogador a través dun comunicado nas súas redes sociais no que aproveitou para despedirse do club e a súa afección. A falta de confirmación oficial, todo apunta a que Alain xogará na Liga Hypermotion co recentemente ascendido CE Sabadell tal e como adiantou o xornalista Ángel García (Cazurreando).
Trátase dunha das baixas máis relevantes, pois Ribeiro alzouse esta tempada como unha peza crave no esquema de Rubén Domínguez pola súa enorme polivalencia e a súa gran capacidade goleadora.
Dez goles en Primeira Federación situan ao xogador vasco como máximo anotador do plantel a pesar de haberse desempeñado durante gran parte da tempada en posicións como a de defensa central.
Na súa carta de despedida, Alain dá as grazas a "todos os que forman parte deste marabilloso club" e afirma que "fun moi feliz defendendo estas cores".
Foi un pracer defender esta camisola! Grazas
— alain ribeiro 🦴 (PontevedraCFSAD 🥹🤟🏼❤️ pic.twitter.com/PJWrQUBmub97aribeiro) June 21, 2026
"Quizá esta despedida chega antes do que a moitos nos gustou, pero márchome coa tranquilidade de habelo dado todo e cun profundo agradecemento cara a cada persoa que formou parte deste camiño", explicou na súa despedida.
Pecha o seu comunicado o xa ex xogador granate afirmando que "aínda que os nosos camiños se separen, hai algo que sempre viaxará comigo: Hai que roelo".
A realidade é que o Sabadell logrou o seu ascenso hai só dous días, polo que as últimas horas poderían ser cruciais nunha operación que deixa un oco importante no plantel do conxunto lerezano.