'Onde o Lérez fai historia': O Pontevedra actualiza categorías e prezos na súa nova campaña de socios

Pontevedra
15 de xuño 2026

A ponte do Burgo acolleu a presentación da campaña de socios do Pontevedra CF para a tempada 26-27, na que se crea a categoría sub-30 e redúcese a baby até os 4 anos idade

Presentación da campaña de socios do Pontevedra para a tempada 26-27
Presentación da campaña de socios do Pontevedra para a tempada 26-27 / PontevedraViva

Pistoletazo de saída á tempada 2026-2027 do Pontevedra Club de Fútbol.

Despois da renovación de Rubén Domínguez como adestrador, este luns a ponte do Burgo acolleu a presentación oficial da nova campaña de socios da entidade granate.

Baixo a lema 'Onde o Lérez fai historia' e nun acto público, a entidade da Boa Vila deu luz ao prezo dos abonos para poder seguir a liga de Primeira RFEF.

Fíxoo actualizando os mesmos e con algunha novidade nas súas categorías, como a creación dunha nova específica para menores de 30 anos (sub-30), así como coa redución do carné 'baby' aos nenos de 0 a 4 anos (en lugar dos 6 anos) e a supresión da categoría infantil.

Neste sentido hai que diferenciar renovacións de novas altas.

No primeiro destes apartados o prezo de renovar o abono fixouse, para o público xeral, en 220 euros en Tribuna, 150 euros en Preferencia e 110 euros nos fondos. En categoría bonificada (persoas con incapacidade permanente ou xubilados) o prezo será de 160, 110 e 90 euros respectivamente. Pola súa banda a nova categoría sub-30 deberá pagar 125 euros en Tribuna, 100 en Preferencia e 100 nos fondos, as penas (Norte ou Sur) 90 euros e a categoría baby terá un custo de 10 euros.

Mantéñense sen cambios o carné 'diáspora granate' fixado en 50 euros así como o de palco, a 600 euros.

Ademais as renovacións que formalicen antes do 30 de xuño terán premio, xa que permitirán o acceso a todos os partidos da tempada, incluíndo Copa do Rei e un eventual play-off. Non será así a partir desa data nin nos novos socios.

Presentación da campaña de socios do Pontevedra para a temporada 26-27
Presentación da campaña de socios do Pontevedra para a temporada 26-27PontevedraViva

No que respecta ás novas altas, ser socio de Tribuna terá un custo de 240 euros, 170 en Preferencia e 125 euros nos fondos. No resto de categorías a excepción dos 'baby' o suplemento por ser novo socio será de 15 euros.

O acto de presentación da campaña contou coa presenza na ponte do Burgo dun bo número de afeccionados granates.

Os carnés poderán retirarse a partir xa deste martes día 16 de xuño nas oficinas de Pasarón ou nunha nova plataforma de venda virtual, www.compralaentrada.com.

A campaña vén acompañada dun vídeo promocional que foi compartido polo Pontevedra a través das súas redes sociais.