RADIO.- A 'Rosa' de Valentín Dacova para un 8M

Pontevedra
11 de marzo 2021

O músico pontevedrés acaba de lanzar este luns 8M 'Rosa', adianto do seu novo EP que estaba previsto para o marzo do pasado ano. Valentín  Dacova fálanos deste novo traballo en PontevedraViva Radio

Valentín Dacova acaba de presentar novo single, 'Rosa'
Valentín Dacova acaba de presentar novo single, 'Rosa' / PontevedraViva

'Rosa' é o primeiro single do próximo traballo discográfico do músico pontevedrés Valentín Dacova. Desde este pasado luns 8 de marzo está dispoñible en todas as plataformas dixitais. A data non está elixida o azar, de feito estaba elixida fai máis dun ano; para lanzala o 8M do 2020, pero un coronavirus desbaratou os seus plans.

Unha letra, a desta canción, que veu motivada por unha experiencia propia, á que engadiu outra parte creada polo músico, e que ten como resultado unha forma de pensar e unha reivindicación que explica no podcast de PontevedraViva Radio. 

'Ridícula harmonía' será o nome do EP, o seu segundo proxecto en solitario. O primeiro foi en formato LP, 'Como dormen as jirafas' que editou en 2019. Conta no 'Cara a cara' que durante o confinamento non foi capaz de escribir nin de compoñer. Tirou do traballo que gardaba e comezou a "soprar para separar a palla do gran" e engadirlle o aderezo do Valentín Dacova de hoxe.

Dacova afirma vivir en 2020 "un dos mellores anos da miña vida" e ten a súa explicación. Unha explicación con nome propio e que segue "facéndome virar" cada día. Musicalmente espera seguir desenvolvendo este novo proxecto musical para o que conta con novos promotores e coa produción doutro pontevedrés, Rodrigo Valiente.