RADIO.- Antía máis Elena traen a PontevedraViva Radio os microrrelatos premiados pola RAG e PuntoGal

Pontevedra
01 de xullo 2022

Convidamos o podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio ás dúas mozas de Bueu que conseguiron senllos primeiros premios no concurso de microrrelatos convocado pola Real Academia Galega e PuntoGal

Antía Novas Arribas máis Elena Pastoriza en PontevedraViva Radio
Antía Novas Arribas máis Elena Pastoriza en PontevedraViva Radio

Dúas estudantes de Bueu poñen nome ao podcast 'Cara a cara' nesta ocasión. Ambas fixéronse con senllos primeiros premios do concurso de microrrelatos convocados pola Real Academia Galega e PuntoGal cuxos galardóns  entregaron esta semana.

Antía Novas Arribas, alumna do IES Johan Carballeira, concluíu segundo curso de Bacharelato. Con 'Sen' obtivo o recoñecemento na categoría xuvenil. Elena Pastoriza Cortizo, alumna do CEIP Montemogos de Beluso, terminou cuarto curso de Primaria e conseguía o premio co traballo titulado 'O gran baile'.

Ambas son grandes afeccionadas á lectura e gústalles igualmente escribir. Ambas tamén estiveron motivadas a participar por iniciativa de profesores nos centros en que estudan e tamén foron estes os primeiros en ler os textos que levaron ao concurso da RAG.

Antía, en pouco máis de cen palabras relata o medo dunha moza nunha noite en que regresa a casa soa. Elena, en 16 palabras fala dun baile planetario. Para coñecer os seus microrrelatos premiados basta escoitar o programa de PontevedraViva Radio, onde as súas autoras compartiron a súa lectura.