RADIO.- Arantxa Pérez, unha voz catoirense con notable acollida entre o público latinoamericano

Pontevedra
12 de decembro 2022

Falamos en PontevedraViva Radio con esta cantante e compositora catoirense de predicamento no mercado latinoamericano. Desde novembro adianta o que será o seu terceiro elepé

A cantante e compositora catoirense, Arantxa Pérez en PontevedraViva Radio
A cantante e compositora catoirense, Arantxa Pérez en PontevedraViva Radio

Convidamos a este podcast do 'Cara a cara' a unha compositora e cantante máis recoñecida entre o público latinoamericano que entre o público oriúndo. Arantxa Pérez é pontevedresa, catoirense concretamente e desde finais deste 2022 vén adiantado dous temas do que será o seu terceiro elepé 'Del cielo o a Marte'.

'Hay tanto por andar' foi o título do primeiro disco publicado en 2017. Dous anos despois editou 'A salvo'. Abre este traballo 'De una vez' que supera as 235.000 reproducións en Spotify. De posteriores sinxelos, como 'Maldita mi suerte' do 2021 contabilízanse máis de 51.000 reproducións. A  súa canle de YouTube  registra máis de 40.000 subscritores e máis dun millón de visualizacións. Quen é esta muller allea ao mainstream, pero que consegue estes números?

Durante a charla que mantemos en PontevedraViva Radio descóbrenos o seu primeiro encontro coa cantante e o primeiro encontro coa compositora; cos seus primeiros directos, a súa timidez e a súa valentía para apostar polo que quere ser. Fálanos tamén de nomes importantes na súa traxectoria como os de ​Joel Beltrán, Jordi Cristau (produtor entre outros de Manu Carrasco ou Fito e Fitipaldis), Bob Benozzo, Andrés Parra, Pablo Dazán, Guelo Deluxe ou Buena Fe.