RADIO.- Bibiana Bernal: "A Cultura é unha ferramenta infalible de transformación social"

Pontevedra
11 de xullo 2019

Bibiana Bernal é escritora e editora. Ademais, como xestora cultural, ofrece talleres literarios a menores que viven en zonas marxinais do seu país, Colombia. Durante a súa primeira visita a Galicia charlamos con ela en PontevedraViva Radio

Bibiana Bernal, escritora, editora e xestora cultural colombiana
Bibiana Bernal, escritora, editora e xestora cultural colombiana / Cristina Saiz

Bibiana Bernal está inmersa nun xira de lectura por España e Portugal que a trouxo ata Pontevedra uns días. Esta foi a súa primeira visita a Galicia a través do escritor e editor pontevedrés Marcus Daniel Cabada. 'Pájaro de piedra' é o libro máis recente da súa obra, que foi traducida e publicada en grego, inglés, francés e romanés. Ademais en 2017 foi finalista do Premio Nacional de Poesía Ministerio de Cultura de Colombia.

Esta nova muller escribe poemas desde nena. Escribir é "unha forma de ver máis a fondo o mundo interior e exterior", é a súa forma de "ir pola vida". No Cara a cara lembra ademais como de forma inconsciente, a vertente editora que igualmente desenvolve, xa se manifestou na súa adolescencia. Anos despois xunto ao escritor Umberto Senegal puxo en marcha a editorial Cuadernos Negros, que xa suma máis dun centenar de títulos publicados.

Como xestora cultural tamén creou con dieciseis anos a Fundación Pundarika. Unha entidade que traballa con nenos de zonas marxinais de Colombia, a través de talleres de sensibilización á literratura. "Estou convencida de que a Cultura, as Artes, son unha ferramenta infalible de transformación social", asegura en PontevedraViva Radio.