RADIO.- Cara a cara: Sabedes tocar un instrumento emocionalmente? Música Viva ensínavos

Pontevedra
12 de xullo 2018

A Asociación Música Viva aínda non cumpriu o seu primeiro aniversario. Conformada por catro mozos da cidade, músicos profesionais formados en distintos conservatorios, axuntaron coñecementos para sacar adiante iniciativas relacionadas coa música clásica. Cóntannos en PontevedraViva Radio as dúas primeiras iniciativas que están a levar a cabo

Álvaro Carballo e Juan Cernadas directivos da Asociación Música Viva
Álvaro Carballo e Juan Cernadas directivos da Asociación Música Viva / Mónica Patxot

"Na música é case un tabú. Todos temos medo porque é natural ter nervios antes de subir ao escenario; pero é algo do que non se fala. Isto mesmo ao máis alto nivel levou a cancelación de concertos ou xiras por bloqueos no escenario", así exemplifica Álvaro Carballo, presidente de Música Viva, unha realidade dos músicos profesionais e que tratan de reconducir co curso que están a impartir estes días en Pontevedra.

Este curso, xunto ao festival de música de cámara supoñen a súa estrea nas actividades estivais da cidade e contan co respaldo do Concello e o Conservatorio Manuel Quiroga.

A Asociación Música Viva aínda non cumpriu o seu primeiro aniversario. Conformada por catro novos pontevedreses, músicos profesionais formados en distintos conservatorios, axuntaron coñecementos para sacar adiante iniciativas relacionadas coa música clásica.

No curso, no que participan mozos e mozas de 7 a 16 anos, non só reforzan materias propias do conservatorio senón que lles ensinan ese dominio escénico, improvisación ou como interpretar unha peza 'emocionalmente' é dicir, non só a destreza musical senón tamén acompañala de emoción, dos sentimentos que queres transmitir ao público, explica Juan Cernadas, outros dos directivos da asociación.

A segunda das propostas que están a ofrecer é un festival de música de cámara co que queren dar visibilidade a músicos profesionais pontevedreses que están a ofrecer recitais por Europa e fóra do continente europeo; pero que a pesar diso, non resultan coñecidos entre o público.

Os recitais continúan este xoves 12 ás 20.30 no Convento de San Francisco co Dúo Xistra e o venres 13 serán os alumnos do curso os que suban á mesma hora ao escenario de Teatro Principal.