RADIO.- Como puido ser a vida barcelonesa dos nenos polacos secuestrados polos nazis

Pontevedra
26 de xaneiro 2023

Falamos en PontevedraViva Radio coa escritora Gisela Pou, que crea en 'Los tres nombres de Ludka' unha ficción sobre unha realidade: a estancia en Barcelona de nenos polacos secuestrados polo réxime nazi durante a Segunda Guerra Mundial

A escritora Gisela Pou cun exemplar da súa novela 'Los tres nombres de Ludka'
A escritora Gisela Pou cun exemplar da súa novela 'Los tres nombres de Ludka' /

A autora Gisela Pou pon ao público lector con 'Los tres nombres de Ludka' ante un feito real: o secuestro de nenos polacos polo réxime nazi na Segunda Guerra Mundial para borrar a súa orixe facéndolos alemáns; e como se inicia un proxecto de acollida en Barcelona para tratar de localizar a familiares biolóxicos e axudarlles tamén a recuperar a súa identidade primigenia.

"A historia xurdiu dun lado, do meu desexo de deixar por uns meses a novela contemporánea e colocarme en época de postguerra, pero faltábame un tema. Entón cruzouse no meu camiño un artigo de José Luis Barbería (El País)", lembra no podcast 'Cara a cara'. A partir dese texto xornalístico iniciou un inxente traballo de documentación para "dar verdade á novela".

Sobre ese pasado constrúe a historia ficcionada de 'Los tres nombres de Ludka' (Planeta), na que se despregan personaxes absolutamente emocionais, onde a música é un elemento sanador, reivindícase a identidade cultural e os nomes femininos tecen a rede que sostén o relato. Unha novela de momentos absolutamente duros, pero cunha esperanza como ronsel. 

Charlamos en PontevedraViva Radio sobre todos estes aspectos coa escritora catalá, dedicada a esta profesión na actualidade tras ser durante máis de vinte anos guionista de televisión. Na ligazón que se adxunta podes escoitar e descargar o podcast para escoitalo ao completo cando prefiras.