RADIO.- Conversas na Ferrería: Música pontevedresa para as noites de Novos Cinemas

Pontevedra
14 de decembro 2018

A terceira edición de  Novos Cinemas vén acompañada de noites musicais. A do venres será unha velada para o underground pontevedrés. Charlamos coas tres bandas en PontevedraViva Radio

Conversas na Ferrería en PontevedraViva Radio Mónica Patxot

Ademais das exhibicións de cinema que ofrece Novos Cinemas, esta iniciativa tamén vai visibilizar a música de grupos locais.

As noites levan o nome de diversos grupos que durante estas veladas prolongan a actividade de Cinemas. No caso da noite do venres van ser tres grupos pontevedreses os que suban ao escenario na Sala Karma a partir das 23.00 horas. Nas Conversas Na Ferrería contan a súa traxectoria e o seu estilo no underground. 

Isaak Abonjo é batería de Glitter & Litter, un trío cuns dous anos de andaina, que fan 'low cost rock' N roll'. O público pontevedrés tivo ocasión de velos e escoitalos o pasado agosto nos concertos da Praza de España, xa que telonearon a Rosendo.

Tamén un trío compón Trompas de Farlopio; para esta formación punk será a súa presentación na cidade. En PontevedraViva Radio estiveron dous dos seus integrantes: Lúa Sálamo, batería, e Iván, baixista e voz. Completando a proposta da noite do venres estarán Pantano. Un cuarteto que fai garaxe-rock, cun primeiro EP editado e que sacarán o seu primeiro LP para o ano próximo, como avanza Charlie, baixista.

Ademais do concerto destas tres bandas, a noite de venres tamén inclúe senllas 'pinchadas', en 'El Pequeño' a cargo de Diego de la Church, e tras a actuación de Karna con Mr. Lewinsky.

Para o sábado, na Casa da Luz ás 13.00 horas haberá unha Sesión Vermú na que se presentará o terceiro recompilatorio de Galician Bizarre e actuará Esposa. Pola noite no Pequeno 'pinchada' con JT DJ, ás 00.15 horas en Karma actuación de Disco Las Palmeras!, Rayotaser e para completar outra sesión de DJ con Sr Fiuza.