RADIO.- Entramos na semana de Eurovisión e as 'Conversas na Ferrería' póñense en modo eurofán

Pontevedra
10 de maio 2022

Catro eurofans, testemuñas do Benidorm Fest e do Festival PreParty de España charlan animadamente en PontevedraViva Radio sobre todo o formal e o frívolo do Festival de Eurovisión 2022 que se desenvolve en Turin

As Conversas na Ferrería na súa cita anual co Festival de Eurovisión
As Conversas na Ferrería na súa cita anual co Festival de Eurovisión / Mónica Patxot

Esta semana o Festival de Eurovisión chega á súa recta final e decisiva: as dúas semifinais dos días 10 e 12 e a final do 14 de maio da que sairá o país gañador desta edición 2022. Unha edición que en España non estivo exenta de polémica polo resultado do Benidorm Fest onde Chanel saíu elixida representante, fronte ao apoio popular a Tanxugueiras.

PontevedraViva Radio recupera presencialmente o programa dedicado á cita televisiva, contando con catro expertos eurofans. Paula Suárez, Luís Miguel Alonso, Daniel Seijo e Antón Prieto. Os tres primeiros foron testemuñas da cita de Benidorm e da Eurovisión PreParty en España (festival onde eurofans e partipantes coinciden). Comentan como foron as súas experiencias e falan tamén de como o tempo cambiou as posibilidades de que artistas e eurofans tivesen un espazo común de contacto persoal, non só virtual.

Sobre a representación de Chanel e o tema 'SloMo', practicamente todos coinciden en que, aínda que para os seus gustos España non está entre as favoritas, non quedará por baixo do posto décimo e que "con todo o que montaron, se España non queda por encima do décimo posto sería un fracaso". Tamén coinciden en que este 2022 non hai unha candidatura clara como favorita ao triunfo.

Nas 'Conversas na Ferrería' sae ademais a decisión de apartar a Rusia; como estiman que se tratará a invasión a Ucraína na retransmisión do festival; os problemas que a organización, Turín, está a ter coa posta en escea do Festival; de propostas rechamantes, excéntricas, sorpresivas, con mensaxe, inusuais, festivas, melancólicas; ou como se prepararon os big five para esta edición.

E non podían faltar as súas quinielas: para Daniel as propostas favoritas son Italia, Portugal, Serbia e Reino Unido. Para Antón os catro países escollidos son Noruega, Serbia, Italia e Francia - "sen que teñan que ser nesa orde" -; para Paula son Francia, Serbia, Italia e Noruega e Luís Miguel decántase por Serbia, Reino Unido, Francia e República Checa.