RADIO.- Entretemento, xogo de astucia e reflexións noutra trama protagonizada pola tenente Valentina Redondo

Pontevedra
25 de setembro 2023

Xa está nas librerías a última novela de María Oruña. Publica a sexta entrega da serie Los libros del Puerto Escondido, 'Los inocentes'. A escritora viguesa acompáñanos no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

María Oruña publica este setembro nova novela Carlos Ruiz B.K.

Un atentado masivo prodúcese no famoso balneario de Puente Viesgo utilizando unha arma química. As súas vítimas son un un grupo de empresarios. A tenente Valentina Redondo volve ter outro crímen (crimes) diante que terá que resolver. Nesta sexta entrega de Los Libros del Puerto Escondido, a súa autora, María Oruña, ponnos ante un thriller onde "as personaxes non teñen tempo a pensar" xa que de toda a serie ata o de agora  "é a que ten máis acción".

Con 'Los inocentes', a escritora viguesa volve facer unha homenaxe ás novelas policíacas. Como apunta no podcast 'Cara a cara', "é unha novela de entretemento e é un xogo de astucia", así que non faltan as referencias a Agatha Christie, quen ademais dá nome a este libro. Tamén están presentes Dumas ou Dostoyevski, facendo reflexionar aos lectores sobre o crime, o castigo e a vinganza.

Citas, obras, autores que serven como explica "de pistas, reflexións e provocacións para os lectores". E é que ademais de entreter, María Oruña tamén pretende mover o pensamento crítico, "vaia á beira que vaia - di -, paréceme curioso que un crime hoxe, podería ser heroico hai dous séculos. Ou que hoxe, algo non punible aquí, si o sexa noutro continente". Abran portada e lean.

O podcast completo pode escoitarse na ligazón que se adxunta ou tamén se pode descargar desde a web de PontevedraViva Radio.