RADIO.- Este mozo promete e podes velo e escoitalo no Río Verbena Fest

Pontevedra
25 de agosto 2023

Thom Archi é mestura de Liverpool e O Grove por ascendencia familiar e é mestura de pop, electrónica e hip hop por xénero musical. Este novo compositor e produtor é un dos artistas locais do Río Verbena Fest. Fálanos del e da súa música en PontevedraViva Radio

Thom Archi é un dos artistas acartelados no Río Verbena
Thom Archi é un dos artistas acartelados no Río Verbena / PontevedraViva

Thom Archi volve repetir entre o elenco de artistas locais que actúan esta fin de semana no Río Verbena Fest. Será este venres 25 no escenario A Gramola. Convidamos ao novo meco ao programa 'Cara a cara' quen nos fala da súa traxectoria e intención de facerse o seu oco no panorama musical.

Defínese como músico e compositor. Identifica a súa música no pop: "gústame definilas como pop simplemente, porque é tan amplo que pode ter influencia de calquera outro xénero e no que se enfoca é en que soe guay e guste ao maior número de xente. Falar doutro xénero faríaseme raro porque noutro momento podo facer algo distinto", explica.

Empezou mesturando temas e logo pasou a compoñer e producir que é a parte coa que máis se identica, aínda que igualmente canta. "Ao ser os meus temas prefiro facelo eu que outra persoa, pero interésame enfocarme máis na composición das cancións e como chegan a soar". O pasado abril publicou 'Thomo', o seu primeiro EP con cinco temas

Lembra que os primeiros directos sobre o escenario foron "sentado nunha batería, escondido detrás dos pratos e os tambores", algo moi diferente a ser quen defenda as súas propias cancións como fai agora; aínda que tamén produce para outros como deixa patente no programa. Pódese escoitar completo na ligazón que se adxunta ou descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.