RADIO.- Falamos de 'A realidade enganosa' que triunfou nos Premios da Música Independente

Pontevedra
02 de xullo 2021

O podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio conta con Tomás Porteiro, integrante da banda Néboa, que este pasado xuño fíxose con Premio ao Mellor Album en Gallego dos Premios MIN da Música Independente

Tomás Porteiro integrante de Néboa no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio
Tomás Porteiro integrante de Néboa no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

Os Premios MIN da Música Independente outorgaron este pasado xuño o seu Premio ao Mellor Álbum en Gallego á banda de Catoira Néboa polo seu primeiro LP 'A realidade enganosa'. "Foi unha satisfacción, non o esperabamos", comenta Tomás Porteiro, co que falamos no podcast  'Cara a cara' en nome do resto de integrantes: Jacobo, Sandra, Aloia e Lucas.

Unha banda musical que se formou en 2012 - aínda que xa se coñecían e coincidiran noutros grupos -, que en 2014 sacaron o seu primeiro EP 'Antes da tormenta' e o pasado 2020 estrearon a longa duración. Algo pouco usual nunha industria onde estar a editar e publicando constantemente é case un mantra. 

En 2018 coa dotación económica do Premio Narf e algúns concertos "medianamente ben pagos" decidiron gravar o seu primeiro LP. Como compañeiros de viaxe escolleron o Estudo do Naútico de San Vicente e Laboratorio Soyuz, así como o selo Raso Estudio, "que estaba na nosa liña" e que tamén apradina a outro paisano como Baiuca.

Un disco que como Porteiro sinala en PontevedraViva Radio soa a "honesto" e como di a crítica especializada a un "castelo sonoro", isto é "unha masa sonora, elementos que aparecen e desaparecen e o son vai crecendo desde a base e acaba habendo moitas frecuencias con baixos, guitarras, sintetizadores, voces...". 

Na súa axenda de directos hai datas fixadas para este verán e xa están cun pé de novo no estudo para empezar a traballar noutro EP.