RADIO.- Igloo publicará en febreiro o seu sétimo álbum, que xa avanza a súa madurez musical

Pontevedra
02 de novembro 2022

Desde Caldas e desde hai dezaoito anos, o grupo Igloo mantense e achega a súa musica, non só á escena galega, senón tamén á nacional. O próximo febreiro publicarán o seu sétimo álbum de estudo, do que xa avanzaron o primeiro sinxelo. Beni e Juanma acompañáronnos en PontevedraViva Radio

Juanma Fernández e Beni Ferreiro, integrantes da banda Igloo, en PontevedraViva Radio
Juanma Fernández e Beni Ferreiro, integrantes da banda Igloo, en PontevedraViva Radio

Manterse e achegar á escena musical durante dezaoito anos non é mérito sinxelo. Preguntamos como se consegue aos dous invitados deste podcast 'Cara a cara'. Son Beni Ferreiro e Juanma Fernández, quen xunto a Alberto Torres e Julián López conforman a banda Igloo.

O grupo ten a súa "base de operacións" en Caldas por oriundidade dos dous primeiros; Alberto é de Cuntis e Julián de Tomiño.

Unha banda pontevedresa da que se pode presumir. Participan en festivais como o PortAmérica, Primavera Sound, Sonorama ou O Son do Camiño... e suman recoñecementos como os MIN (xa antes de que adoptasen este nome), Mestre Mateo, Martín Códax da Música ou o Premio Festival de Cans.

O próximo febreiro publicarán o seu sétimo álbum e o pasado outubro presentaron o primeiro adianto co sinxelo 'Aniversario'.

Están a vivir "a madurez da banda" e ese pouso que outorga o paso do tempo evidénciase na formulación que lles acompañou neste novo proxecto musical: "todo masticado máis lentamente e iso foi tamén máis agradecido para todos".

Rodeáronse ademais de nomes propios consolidados nesta industria, Juanma Latorre como produtor, gravaron en Metropol Estudos con Isaac Rico e contan con Pablo Camuñas como promotor.

Este último traballo ten tamén outros nomes que corresponden aos mecenas que fixeron a súa achega económica, "levámonos unha moi grata sorpresa, en cuestión de dez días estabámos ao 70% do que necesitabamos".

A estas alturas non teñen que buscar apelidos, eles fan música,"as etiquetas póñenas outros" e gozan de cada momento, como comentan en PontevedraViva Radio