RADIO.- Isabel Pérez Dobarro, a artista que rescata do olvido a mulleres compositoras

Pontevedra
17 de outubro 2019

Isabel Pérez Dobarro, compostelá, é pianista de recoñecemento internacional. Ademais é unha activista da visibilización das mulleres na música clásica e do desenvolvemento sustentable. Acaba de ofrecer un recital nesta capital á que volverá antes de finalizar o ano, nese intermedio acompañounos en PontevedraViva Radio

A pianista internacional e activista Isabel Pérez Dobarro en PontevedraViva Radio
A pianista internacional e activista Isabel Pérez Dobarro en PontevedraViva Radio

Unha pregunta e a súa resposta - ou a ausencia de resposta - fai evidente a chamada de atención que a pianista internacional Isabel Pérez Dobarro fai co recital que ofrecerá o próximo día 21 deste mes no Palau da Música de Barcelona, e que foi o que ofrecía este domingo 13 en Pontevedra: Cantas mulleres compositoras de música clásica coñeces?

"Existe un repertorio amplísimo que non se estuda nos conservatorios. E necesita coñecerse", apela en PontevedraViva Radio, poñendo nomes a unhas cantas. Con todo "non houbo mulleres directoras de orquestra e agora van despuntando e fan falta estes referentes positivos para que as nenas digan: eu quero ser directora de orquestra".

Trae ao Cara a cara mensaxes reivindicativas como estas que evidencian o seu activismo no empoderamento da muller e no desenvolvemento sustentable; defensa que lle levou a intervir na ONU en 2017. Esta galega, compostelá, ademais de estudos de Piano, é graduada en Dereito, estuda Relacións Internacionais e creou a iniciativa Women in Music en Nova York, onde reside desde hai uns anos.

Reivindica ademais o compromiso e papel activo da mocidade na sociedade do século XXI. Antes de concluír o ano regresará a Galicia e a Pontevedra para volver deixar constancia do seu virtuosismo ao piano.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora