RADIO.- Javier Pérez Gomara 'Waterproof', o pontevedrés que soará nos cortos do Festival de Cans

Pontevedra
08 de maio 2022

Javier Pérez Gomara é técnico de son, e Javier Waterproof é músico. Ambos os dous son o mesmo pontevedrés que actualmente reside en Barcelona ampliando a súa formación. Acaba de presentar novo single e este mes, a súa faceta técnica e musical escoitarase no curto de Martín Caínzos que se proxectará no Festival de Cans. Acompáñanos no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

O pontevedrés Javier Pérez, productor e técnico de son, fala no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

O próximo 18 de maio dará comezo a XIX edición do Festival de Cans en cuxo programa, concretamente na categoría de Novas Camadas, estrearase ‘A moza da bufanda vermella contra a xente de dentes brancos’ do coruñés Martín Caínzos e no que o protagonista deste 'Cara a cara', Javier Pérez Gomara encargouse do son e para o que tamén compuxo como músico, Javier Waterproof, o tema 'The scarf she wore in red'

Javier, actualmente reside en Barcelona "para ampliar a miña formación como técnico e como músico", estudos que iniciou en Coruña pero ante a falta de oportunidades laborais decidiu facer un máster na cidade condal. No cinema e no son están as súas perspectivas laborais futuras.

Na faceta musical, acaba de presentar o sinxelo 'Orfeo y Eurídice', que se pode escoitar en todas as plataformas musicais de streaming. Cóntanos en PontevedraViva Radio que a música que fai é un proceso artesanal no que "hai unha parte intelectual para escribir a letra; logo compoñer a canción, gravar, montar e toda a parte de arranxos e mestura, que é un traballo que tamén vou facendo aos poucos".

En canto a estilo: "a maior parte do que fixen está entre o rock e a canción de autor, aínda que neste último single entra tamén na electrónica". En 'Orfeo e Eurídice' colaborou co artista ferrolán Eloy Hermida, que deseñou a imaxe do single e o baterista coruñés Nicolás Cotelo

Entrou en contacto co Local de Música de Pontevedra durante a súa etapa de Instituto. Sobre esta iniciativa municipal destaca que "están a facer cousas moi interesantes dentro da cultura de Pontevedra e conéctache ademais co tecido musical da cidade".