RADIO.- Laroá reformula os seus 'Camiños' cun espectáculo máis grande e máis reivindicativo

Pontevedra
27 de febreiro 2022

Laroá segue avanzando no seu camiño; ou exactamente nos seus 'Camiños' un espectáculo que presentaron en 2020 e que agora, tras dous anos pandémicos, han reconfigurado. Miguel Fraguas, un dos seus fundadores, avánzao en PontevedraViva Radio

Miguel Fraguas, un dos integrantes e fundadores de Laroá, no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio
Miguel Fraguas, un dos integrantes e fundadores de Laroá, no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

Laroá levan no panorama musical galego desde 2016. En 2020 embarcáronse na xira 'Camiños', pero a pandemia freou o seu proxecto. Agora regresan cos 'Camiños' reformulados, redefinidos; o espectáculo con novas variables, algo máis grande e reivindicativo. Cóntanolo en PontevedraViva Radio, Miguel Fraguas (percusións, whistle e gaita) que xunto a Franc Gorriz (batería) foron os fundadores de Laroá.

A formación está conformada agora con novos integrantes. Xunto a Miguel e Franc están Madalena Gamalho e Sandra Lima (voces); Rafa Morais (baixo eléctrico), Antonio López 'Monano' (teclado) e Roso Marinello (saxo soprano, clarinete baixo). Musicalmente englóbanse nas 'world music', músicas do mundo que funden coas autóctonas galegas.

Di Fraguas no 'Cara a cara' que conseguiron achegarse ao son que buscaban desde o inicio "moi pegado á raíz, á terra, coas sonoridades que nos caracterizan que son as músicas do mundo e o jazz. Sentimos que estamos no momento máis doce de Laroá". Nun momento de difusión musical por plataformas dixitais, Laroá é en primeiro lugar espectáculo en directo. Un espectáculo sen restrición de idades. Un espectáculo para ver e escoitar; que se canta, interprétase, báilase, proxéctase.

Conceptualmente é tradición, son os informantes, son as lusofonías, é a muller. "Os informantes son importantísimos porque a nosa tradición non sería o mesmo sen eles, sen os investigadores e recuperadores que se dedican a ese traballo. Débense valorar moitísimo para permitir trasladalo a novas xeracións e poder reinterpretarlo tamén", di, engadindo que "a muller é o motor do noso espectáculo".