RADIO.- O músico pontevedrés Anxo Araújo presenta un plan de urbanismo repleto de pop

Pontevedra
26 de xuño 2021

Anxo Araújo é un músico pontevedrés que estes días presenta o seu primeiro LP e leva por título 'Plan de urbanismo para un novo couto mixto'. A súa traxectoria está entre bandas de rock, pero pásase ao pop neste traballo do que nos fala en 'A playlist' de PontevedraViva Radio

Anxo Araújo trae o seu novo LP e a súa playlist a PontevedraViva Radio
Anxo Araújo trae o seu novo LP e a súa playlist a PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

 Anxo Araújo é pontevedrés, 'músico e tendeiro' segundo defínese nas súas redes sociais. Quedamos con esa primeira faceta e máis tendo en conta que estes días presenta o seu primeiro LP que leva por nome 'Plan de urbanismo para un novo couto mixto'. Un traballo no que el é todo para todo e fíxoo en 'Unha casa calquera', isto é, no seu estudo de gravación.

Nese espazo tamén produce para outros artistas: "un agasallo" segundo conta en PontevedraViva Radio. Con Anxo Araújo foi esixente, introspectivo, autoafirmativo, reflexivo... e comezou cunha 'Canción perfecta', o adianto xa dispoñible do álbum que está á venda a partir deste luns 28.

Charlamos co artífice dun disco de pop que se fixo entre o rock, con diversas bandas ás que pertenceu como baixista durante os anos que estudou e traballou en Santiago. Pero antes, hai outro nome propio do que non se esquece, ao que lembra en 'A playlist' e do que garda gratísimos recordos: o que fose compoñente dos Black Stones, Miguel Guerra.

Na cidade compostelá transcorreu boa parte da súa vida, foise con dezaoito anos e o ánimo de comezar Físicas, pero quedou no intento e pasouse á Programación. De ésto queda mostra na súa web, onde ademais de coñecelo mellor podédeslle botar un 'Pong'.