RADIO.- O xornalista David Lema debuta coa novela negra 'Os mortos tamén gritan' ambientada na Costa da Morte

Pontevedra
25 de abril 2023

"No fin da terra coñecida, alí onde a bruma do mar esconde pobos enteiros e os mortos descansan en cemiterios que miran ao océano Atlántico, aparece o cadáver dun yonqui nunha noite de inverno", di 'Os mortos tamén gritan'. Charlamos co xornalista e autor ceense, David Lema en PontevedraViva Radio

O xornalista David Lema
O xornalista David Lema / Espasa

David Lema non é un debutante nisto de publicar. Leva unha década publicando columnas de opinión e entrevistas en El Mundo - e mesmo editou unha antoloxía póstuma do xornalista David Gistau -. No que si vén de estrearse é no mercado editorial como novelista. Fíxoo cun xénero de moi boa acollida, a novela negra; que ambienta ademais na súa terra natal, a Costa da Morte. 

'Os mortos tamén gritan' narra unha investigación contra o narcotráfico que pretende poñer punto final ao ditado que marcan Mangana e Castijo de Dios, os dous narcos do lugar. Unha muller, a sarxento Carla Traba, será a peza que trate de esclarecer que sucede dentro e fóra desa Operación Arnela.

O novelista, o xornalista e o ceense, describen unha paisaxe perfectamente identificable, escollido por precisión descritiva e por morriña, como nos responde o autor no podcast 'Cara a cara'. E xoga con elementos tan propios como a 'borraxeira': "obsesioneime moito con que a novela seguise o ritmo que segue a borraxeira, ese fenómeno que non deixa ver a ría dun lado a outro. Á  trama ocórrelle igual, todo é espesura e cando levanta, todo queda á vista do lector".

Tamén buscou que xunto á historia que comparten todos os personaxes desta novela, cada personaxe tivese a súa trama persoal. E aí xoga co público lector, coa verdade. Como di en 'Os mortos tamén gritan': "supoño que niso consiste o poder da palabra: cada un de nós quere escribir desde a verdade, pero que demos é a verdade se desde a verdade tamén se pode enganar?".

Pódese escoitar o podcast completo desde a ligazón que se adxunta ou descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.