RADIO.- O xornalista Lois Oreiro apela con 'Os mundos de agora' ao ser e estar en persoa

Pontevedra
11 de novembro 2021

Este xoves 11 presenta na Libraría Paz o ensaio titulado 'Os mundos de agora' no que reflexiona sobre a sociedade dixitalizada e o poder das grandes empresas tecnolóxicas. Fálanos do libro en PontevedraViva Radio

Lois Oreiro Serrano no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio
Lois Oreiro Serrano no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Nun mundo dixitalizado, onde as grandes empresas tecnolóxicas compiten pola información de datos, polo poder, o autor de 'Os mundos de agora' apela "a ser e a estar" no mundo real. Charlamos co escritor e xornalista coruñés Lois Oreiro Serrano sobre diversas reflexións que expón neste ensaio. 

"Xa non é posible vivir desconectado. As vacinas para a covid viñan por sms, por exemplo. Conectados estamos todos. O problema é identificar a realidade co dixital conectado; é dicir, o único que conta é o que está conectado e os desconectados - por incompetencia técnica ou por vontade -, non contan", apunta en PontevedraViva Radio.

'Os mundos de agora' non é un rexeitamento ás novas tecnoloxías. Apela a un diálogo como individuos e como sociedade e á necesidade de normas: "en toda a historia da humanidade, a tecnoloxía adaptouse aos humanos, non nós a ela. Temos unha economía que ten no dato o principal factor de produción, unha economía da atención, porque é o que explota e nese contexto habería que tomar algunhas reservas, regular e non deixalos crecer por exemplo como creceu internet".

Preguntamos neste podcast do 'Cara a cara' se, son as novas tecnoloxías as garantías profesionais no futuro máis próximo ou unha guillotina de profesións actuais?, hai un dobre discurso e proceder por parte das nacións e as entidades supranacionais sobre o que lexislan e sobre o control ás grandes tecnolóxicas?, teñen estas o poder sobre a sociedade mundial?, que lles supuxo a pandemia?, que van traer os metaversos?...

Lois Oreiro presenta este xoves 11 na Libraría Paz de Pontevedra 'Os mundos de agora' (Galaxia), o seu terceiro libro. Para falar deste ensaio estará acompañado da xornalista pontevedresa Irene Lourido a partir das 20.00 horas. Non é a única convocatoria literaria da semana, o sábado ás 12.30 horas, Diego Ameixeiras presenta acompañado doutra xornalista pontevedresa, Teresa Cuiñas, 'O cervo e a sombra' (Xerais).