RADIO.- Os Teixeira traen unha novela feliz e repleta de valores

Pontevedra
07 de decembro 2023

Xulio e as súas dúas fillas, Xulia e Carla, publicaron 'Os números viaxeiros', unha novela con misterio, aventuras, reivindicacións e valores. Faláronnos deste libro no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

Xulio, Carla e Xulia Teixeira
Xulio, Carla e Xulia Teixeira / Mónica Patxot

Inicialmente, cando 'Os números viaxeiros' aínda non tiñan nome, este libro ía ser un agasallo de aniversario. O agasallo dun pai á primeira das súas fillas. Logo, foise convertendo nunha experiencia familiar que aglutinou outras moitas experiencias previas. E finalmente, pasou a ser unha novela autoeditada e escrita por ese pai e as súas dúas fillas. Asinan Xulio Teixeira Rodríguez, Xulia e Carla Teixeira Rey; os tres acompañáronnos no podcast 'Cara a cara'.

Cóntannos como foron dando forma á historia da novela; unha novela na que se entrecruzan, ou máis ben, a realidade vai alimentando á ficción e que ten misterios e aventuras. Tamén hai moitas viaxes, case tantos como os que, a pesar dos seus trece e dez anos, xa teñen feitos Xulia e Carla por varios continentes. "Conta non só o que estaba a pasar en casa, senón que evolucionaba todo de acordo ao que elas propoñían e eu era capaz de inventar durante o mes e medio en que se escribiu".

No transfondo da novela tamén hai "un libro de valores" sobre o respecto, a tolerancia, a igualdade ou o feminismo. De feito, está escrito en feminino, non só porque as protagonistas sexan dúas nenas, senón tamén para "igualar a todas as persoas nun concepto integrador". Un libro para toda a familia, co que ademais se anima a toda persoa lectora a descubrir onde está o seu mundo.

O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar e escoitar desde a web de PontevedraViva Radio.