RADIO.- Paula Cons roda a película sobre a fogosa relación epistolar entre Pardo Bazán e Pérez Galdós

Pontevedra
06 de xuño 2024

'O meu ilustrísimo amigo' é o título da película que estes días están a rodar en Canarias Agallas Films e Jugoplastika con Paula Cons como directora. Falamos con ela no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio sobre este proxecto audiovisual

Paco Déniz e Lucía Veiga nunha imaxe de 'O meu ilustrísimo amigo'
Paco Déniz e Lucía Veiga nunha imaxe de 'O meu ilustrísimo amigo' / Jugoplastika - Agallas Films

Se Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós vivisen nesta década do XXI estarían a facer sexting?. O fogoso intercambio epistolar que os dous soados autores mantiveron lévase estes días ao cinema. A produtora galega Agallas Films e a canaria Jugoplastika están en plena rodaxe contando coa dirección de Paula Cons Varela.

Aténdenos para falar no podcast 'Cara a cara' antes de comezar sesión nas Illas Canarias. A primeira semana desenvolveuse en emprazamentos de Madrid e estes días continúan no arquipélago canario que "arquitectónicamente é brutal e ten unhas localizacións que son unha pasada", comenta esta directora. Unha rodaxe que se prolongará en total durante catro semanas. 

"Unha película absolutamente contemporánea, aínda que estea ambientada entre 1887 e 1889, porque creo que todos os conflitos que viven e como os viven, a paixón, a sexualidade, faise absolutamente contemporáneo e mesmo un exemplo para os homes e mulleres de hoxe en día", explica.

A actriz galega Lucía Veiga interpreta a Pardo Bazán, mentres que o actor canario Paco Déniz dá a réplica a Pérez Galdós. Conta con colaboración da TVG así como da televisión pública e institucións canarias. Este é momento de rodaxe e Paula Cons agarda promocionar 'O meu ilustrísimo amigo' en 2025. 

O podcast está dispoñible para reprodución e descarga en PontevedraViva Radio e igualmente pódese escoitar na ligazón que se adxunta.