RADIO.- Pedro Feijoo: "Alá onde hai poder hai corrupción, desde sempre; pero non significa que non se poida facer nada"

Pontevedra
14 de decembro 2023

Charlamos en PontevedraViva Radio con Pedro Feijoo, un dos autores máis lidos en Galicia. Na súa última novela, 'Ninguén contará a verdade', fala de corrupción, de ambicións desmedidas e de procura da verdade. Non se recrea na ficción senón na absoluta realidade. Unha novela que lle valeu o Premio Xerais de Novela 2023

O escritor vigués Pedro Feijoo en PontevedraViva Radio
O escritor vigués Pedro Feijoo en PontevedraViva Radio / PontevedraViva

Unha xornalista é reclamada por un compañeiro para destapar un caso de corrupción política que afecta o presidente da Xunta. Unha longa listaxe de nomes cun nexo: a súa ambición desmedida por conseguir a súa parte como colaboradores co poder. Esta é unha breve sinopse do que hai dentro de 'Ninguén contará a verdade', o Premio Xerais de Novela 2023 que asina Pedro Feijoo.

Unha novela negra?, novela política? non, realidade como a vida mesma; ou a realidade da vida mesma. Pedro Feijoo sabe que o mercado editorial ten que poñer etiquetas, pero para el é  "o reflexo dun hastío, un cabreo, unha sensación de hartazgo, máis como cidadán que como autor". Un cidadán da primavera do 2020 que viviu desde a súa casa o que estaba a suceder fóra naquel momento pandémico. Ese foi o detonante.

Durante case dous anos estivo a recompilar información e mantendo entrevistas. Hai quen lle cuestiona que os referentes reais da novela apenas estean disfrazados ou tamén que non chegase a darlles o seu verdadeiro nome: "é evidente de quen falamos" responde no podcast 'Cara a cara', engadindo que "o acheguei ata onde puiden porque me gusta deitarme todos os días sen ter que pasar polo Xulgado antes". 

Unha das intencións da novela é incidir en "que nos afixemos a determinadas verdades falsas pero que nos resultan moi cómodas", por exemplo, que a corrupción sempre estivo aí, "alá onde hai poder hai corrupción, desde sempre; pero non significa que non se poida facer nada. Non se trata de ser un gran activista, pero si temos algún recurso para intervir, que xa é algo".

Publicou a súa primeira novela en 2011 e conseguiu ser un dos autores máis lidos de Galicia, algo que recibe "con moita vertixe, moita alegría e moitísimo agradecemento". Por certo que aquela novela primeira foi finalista do Premio Xerais de Novela e este 2023 fíxose co galardón.

"Facíame moita ilusión, é o único premio que estivo presente na miña memoria, na miña casa, mesmo lembro o primeiro fallo deste premio"; e é que o seu avó, Manuel de la Fuente, cubría cada ano este premio para o Faro de Vigo. Cos anos converteuse en seguidor da convocatoria e facerse co galardón ten tamén esa gratificación persoal.

Pedro Feijoo segue promocionando a novela e avanza en que anda metido; e si, isto é un pequeno spoiler, vai dar máis vida a coñecidos personaxes da súa traxectoria como escritor.

O podcast completo pode escoitarse desde a ligazón que se adxunta  e igualmente escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio.